O BNG apoia o rescate de Alcoa e propón un pleno extraordinario coa comparencia de Feixóo
Pontón critica que permaneza mudo cando hai 400 empregos en xogo e insta a dar unha resposta masiva na manifestación deste domingo
Reunión co grupo provincial do Bloque na Deputación da Coruña e co comité de empresa, co que comparte “indignación” coa Xunta e o Estado
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG vai pedir a celebración dun pleno extraordinario a vindeira semana coa comparecencia do presidente da Xunta, despois de que as últimas reunións celebradas en Madrid coa multinacional non fixeran máis que confirmar a intención da empresa de pechar a súa planta na Coruña.
“Se hai algunha cuestión que merece un pleno extraordinario é garantir 400 postos de traballo na Coruña, o Goberno debe estar á altura das circunstancias aínda que sexa no tempo de desconto xa que non o fixo até agora e, como país, temos que reaccionar”, indicou Pontón tras censurar o mutismo de Feixóo. “Debe saír do seu silencio e poñerse á fronte para buscar unha solución”, recalcou.
A líder do Bloque fixo esta proposta tras a reunión mantida na Deputación co grupo provincial do BNG, coa vicepresidenta Goretti Sanmartín á cabeza, e co comité de empresa de ALCOA para abordar a situación a menos dunha semana de que a multinacional aplique o ERE extintivo.
Neste sentido, Pontón declarou compartir a “indignación” dos e das traballadoras por como se está levando un proceso “que nin sequera podemos considerar unha negociación porque ALCOA mantén o peche da fábrica cunha proposta enganosa que pretende facernos pasar por parvos aos galegos e as galegas e que ademais significa unha navallada polas costas á cidade da Coruña e ao conxunto do país”, denunciou.
A día de hoxe, non hai ningunha proposta encima da mesa que garanta o futuro de ALCOA e, por iso, demanda á Xunta e ao Ministerio “traballar para darlle a volta a esa situación”. Pontón salientou a importancia de dar unha contundente resposta social como país na manifestación prevista para o vindeiro domingo na cidade herculina, e instou a unha participación masiva.
“É importante que sintan nesa manifestación que hai un país detrás, que non tira a toalla e que reclama o seu dereito a producir. Son importantes as declaracións pero hai que cumprir esas declaracións e se todos dicimos que ALCOA ten futuro, Goberno central e galego teñen que implicarse para ver como se converten en realidade, en lugar de servir de coartada para abaratar o despedimento e o desmantelamento da fábrica na Coruña a unha multinacional”, alegou Pontón.
A formación nacionalista aposta pola intervención inmediata da factoría e por unha tarifa específica para industrias electrointensivas.
“O BNG dixo desde o primeiro momento que a fábrica da Coruña ten futuro con o sen a multinacional, polo tanto, a Administración ten que asumir a xestión de ALCOA é buscar un comprador que garanta a continuidade da empresa e do emprego”, explicou a portavoz nacionalista. “Non nos temos que resignarnos a pasar de ser produtores a importadores de aluminio”, indicou Pontón, “nin ao disparate de que nun país exportador de enerxía vexa en risco 400 postos de traballo polos custes enerxéticos”, concluíu.
No encontro celebrado na Deputación tamén participou o candidato a Alcaldía, Francisco Jorquera, a portavoz municipal en Arteixo, Silvia Seixas, e o deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas.