O BNG apoia as reivindicacións dos e das profesionais de “Defende a Galega”
Este colectivo de profesionais da CRTVG acumula 84 venres negros e 588 días de mobilización permanente por uns medios públicos e plurais
Olalla Rodil critica o desleixo do director xeral da CRTVG ante as demandas dos e das profesionais para que se cumpra a Lei na radio e Televisións públicas de Galiza
A deputada do BNG, Olalla Rodil formulou hoxe unha pregunta ao Director xeral da CRTVG sobre o prazo previsto pola Corporación Radio e Televisión de Galicia para a aprobación do Estatuto profesional e a creación do Consello de Informativos marcados pola lei dos medios públicos.
Na súa intervención, a nacionalista destacou que, hoxe os profesionais da CRTVG levan 84 Venres Negros e 588 días de mobilización permanente cun obxectivo moi claro: “Garantir o servizo público na Corporación da RTV de Galiza”.
Máis de 500 días, afirmou a deputada, na defensa de medios públicos, do cumprimento da misión de servizo público e dos principios que deben rexer a radio e televisión públicas de Galiza. Máis de 500 días de mobilización exixindo respecto aos principios de pluralidade e diversidade política e ideolóxica pero tamén social e cultural. Por unha información veraz, plural e obxectiva. “Máis de 500 días pedindo algo tan revolucionario como o cumprimento da lei”, ironizou.
Para a nacionalista é “unha lei incumprida de maneira obscena e intencionada, de mala fe, durante 8 anos pola Xunta e a dirección da CRTVG”. E un incumprimento especialmente no referido aos órganos de control externo, como a creación da Autoridade Audiovisual, órganos de participación das e dos profesionais, ademáis da aprobación do Estatuto profesional e o Consello de informativos.
“Non é casual este incumprimento” e desde o BNG, dixo, cremos pouco nunha casualidade que incide na negación dos dereitos das e dos profesionais.
A CRTVG, explicou Rodil, é unha rara avis na súa contorna. As demais corporacións públicas, (RTVE, EiTB, TV3), contan desde hai anos con estatutos profesionais aprobados e consellos informativos funcionando. Pero, ademáis, a dirección da CRTVG incumpre as recomendacións dos colexios de xornalistas, a federacións de prensa e normativa comunitaria que exixen a “garantía e respecto dos dereitos das/os profesionais así como mecanismos que velen pola independencia e non inxerencia nos medios públicos, concluíu.