O BNG apoia as propostas do Movemento galego de Saúde Mental

Montse Prado e Beatriz Martínez ante o Valedor do Pobo

A parlamentaria Montse Prado reclama á consellería de sanidade que presente no Parlamento unha estratexia sobre saúde mental en Galiza

Os grupos parlamentares do BNG, AGE e PSOE compareceron hoxe ante os medios de comunicación para trasladar e amosar o seu apoio as propostas do Movemento galego de Saúde Mental.

A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado denunciou enormes deficiencias nesta materia así como a falta dunha “estratexia de saúde mental” elaborada pola Consellería de Sanidade.

Prado lembrou que foi o Goberno galego o que pechou centros desviando aos doentes crónicos a residencias da 3ª Idade con persoal sen suficiente formación para atendelos. Os recortes neste ámbito supoñen, dixo, un dobre problema para os afectados/as e as súas familias, “só o 12% reciben axudas obrigando aos familiares a facerse cargo de todas as necesidades da persoas afectada por unha doenza mental”.

A parlamentaria anunciou o apoio do BNG a resolución para que o Parlamento galego acorde unha declaración institucional o día 10 de outubro con motivo do Día Mundial da Saúde Mental e considerou que esta data non debe ser outro “día de...” cheo de propaganda do Goberno pero sen medidas concretas para unha atención á saúde mental adecuada, protección social ás persoas afectadas por trastorno mental e políticas activas dirixidas a promover a súa incorporación e normalización laboral.

Prado lembrou que o BNG presentou diversas iniciativas parlamentarias nesta liña pero tanto o PP como a propia consellería de Sanidade seguiron practicando unha “drástica política de recortes” contrarios a aumentar o esforzo, sensibilidade e compromiso coa atención á saúde mental.

 O BNG apoia ante o Valedor do Pobo a Beatriz Martínez

Previamente á comparecencia ante os medios de comunicación, a parlamentaria acompañou a Beatriz Martínez , enferma de cancro, para entregar ao Valedor do Pobo un escrito, como xa fixera no Congreso dos deputados, pedindo a mellora da protección laboral e Seguridade Social para os pacientes afectados por esta enfermidade.

A parlamentaria afirmou que o voto en contra do Partido Popular para a toma en consideración da proposta avalada por 500.000 sinaturas evidencia a súa “escolla ideolóxica” e deixa “tirado” a un colectivo vulnerábel cando máis o necesita.

Prado tamén censurou a “insensibilidade do Partido popular” e asegurou que o BNG non vai deixar de loitar para mellorar a situación destes pacientes, “xa non é cuestión de cartos”. Por outra parte, criticou que o argumento esgrimido polo PP sexa non poder modificar o Pacto de Toledo, pero si “modificada a Constitución de un día para outro”.

A parlamentaria anunciou que o BNG seguirá presentando iniciativas parlamentarias ao fin de garantir os dereitos das persoas afectadas por cancro e contra a denegación das incapacidades amparándose “nos recortes”.