BNG apoia o paro da frota galega fronte ao regulamento de control de pesca imposto pola UE
A Comisión de Pesca do BNG, -integrada por representantes do sector pesqueiro e diferentes cargos do Bloque, como a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e a deputada Rosana Pérez-, manifesta o seu total respaldo ao paro da frota galega convocada pola Federación Galega de Confrarias para as 12 horas de mañá en protesta pola imposición do regulamento de control da pesca, aprobado recentemente pola Eurocámara. “Apoiamos totalmente as súas protestas e por iso mañá estaremos ao seu carón nas concentracións que farán nos diferentes portos galegos”, avanza Miranda.
A Comisión de Pesca do Bloque considera que a obriga de que todas as embarcacións de máis de catro metros teñan que estar xeolocalizadas, a instalación de cámaras a bordo e a esixencia de manter un diario electrónico supoñen “unha concepción errónea dos traballadores do mar que non ten en conta as súas condicións de traballo”. O BNG crítica que o modelo de pesca que defende a UE está alonxado da realidade do sector da pesca e do marisqueo galego.
“Botamos de menos unha posición contundente do Goberno do PP na defensa da pesca artesanal. Tantas veces que a conselleira do Mar foi a Bruxelas parece que non serviron para nada”, denuncia o BNG, lamentando asemade que o PSOE na Eurocámara tome decisións contrarias aos intereses da frota galega, sen ter en conta as súas consideracións, impulsando un informe que recolle estas esixencias tan lesivas.
Falta de anticipación dos gobernos
Para o BNG, os Gobernos galego e estatal non defenderon ao sector galego en Bruxelas, pois debían terse anticipado a unha regulación que supón na práctica sumar perxuizos aos que xa sofre a frota galega, no reparto de cuotas e TACs. Neste sentido critican as imposicións dende a UE de máis trámites administrativos aos mariñeiros e as medidas que son alleas a realidade do sector pesqueiro galego.
Pola contra, dende que foi presentada a proposta da Comisión Europea o Bloque criticou duramente a proposta do diario electrónico para a pesca artesanal, a xeolocalización e a instalación de cámaras nas embarcacións para controlar a obriga do desembarque das capturas. Para os nacionalistas, “a existencia dunha normativa común a todos os Estados da Unión Europea no control da pesca e que a pesca sexa sustentable non pode supoñer unha carga de traballo desproporcionada e unha constante ameazada para o sector da frota galega”. “Queremos un tratamento respectuoso ao sector e que non sexa constantemente criminalizado porque está normativa é un agravio para a pesca de Galiza”, subliñan desde a Comisión de Pesca do BNG.