BNG apoia no Parlamento a iniciativa dunha Selección Galega que compita no panorama deportivo internacional
BNG defendeu na Cámara a iniciativa popular a favor dunha Selección Galega de deporte que poida competir no eido internacional, algo que xa ocorre noutras nacións sen estado como Gales ou Escocia e ata 49 nacións sen estado. A iniciativa foi impulsada pola plataforma Vía Galega.
“Reclama recoñecer unha identidade que existe, e vaia se existe, reclama poder celebrar todos os éxitos deportivos, reclama un dereito que non nega a ninguén, todo o contrario recoñece e visibiliza a todo o mundo” enxalzou o portavoz de Deportes, Daniel Castro. Incidiu na “normalidade” que ten o espírito desta iniciativa no panorama internacional, e puxo de exemplo o caso de Gales e Inglaterra, onde as e os galeses teñen unha selección propia.
En referencia aos cen anos que se cumpren neste 2022 do primeiro partido da selección galega, Castro incidiu nunha proposta “que procura unha selección de todas e de todos, porque sentirse galego é moi diverso, e igual que hai galegos e galegas que se emocionan nos partidos da Selección Española, procuramos que todos e todas se poidan identificar e emocionar coa Selección Galega”, argumentou o deputado. “Este feito non é algo novo”, subliñou, e fixo mención á volta da selección galega no ano 2005, cunha vitoria de 3-2 fronte a Uruguai.
“Reclamamos defender a normalidade, reclamamos poder celebrar os éxitos deportivos, reclamar algo que non nega a ninguén”, valorou Castro en referencia ás seleccións de nacións sen Estado. “E todas estas seleccións xogan con normalidade”, explicou. Neste sentido, en baloncesto xógase con normalidade “un Estados Unidos – Porto Rico, e en fútbol podemos ver un Gales – Inglaterra, un Escocia – Inglaterra, un Illas Feroe – Dinamarca, e non pasa nada. Hai dous días xogábase o encontro oficial número 104 entre Gales e Inglaterra, e non pasou nada máis aló do deportivo”, declarou.
A importancia desta Selección Galega, salientou o portavoz de Deportes, vai en relación á “proxección internacional” do País e a defensa da súa lingua, tamén na súa necesaria normalización no eido deportivo. “Apostemos por nós mesmos e nós mesmas, non lle poñamos límites ao noso deporte, confiemos e nós e apoiemos unanimemente esta iniciativa que reclama a normalidade”, defendeu.