O BNG apoia no Congreso á Comisión pola Verdade e pide que se investiguen os crimes franquistas

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada do BNG, Rosana Pérez, respaldaron hoxe ás organizacións da Memoria Histórica aglutinadas na Plataforma da Comisión pola Verdade, que acudiron ao Congreso dos Deputados a denunciar o obstruccionismo do PP na causa para que se investiguen os crimes da dictadura franquista.

Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez, que mantiveron reunións coa Comisión da Verdade en varias ocasións e asinaron unha proposición non de lei conxunta para que se investiguen os asasinatos do franquismo, amosaron o respaldo do BNG a “unha causa xusta” e criticaron “un pretendido esquecemento que non é no fondo máis que a xustificación duns crimes execrábeis”.

Nese sentido, Davila manifestou que “nun momento como o actual no que o PP consinte que alcaldes seus como o de Baralla defendan a dictadura e xustifican que houbera crimes, é máis necesario que nunca que non renunciemos á memoria, porque o esquecemento está cheo de lembranzas, de persoas, de mortes, de asasinatos crueis e inxustos”. As vítimas teñen dereito á verdade, á xustiza e á reparación.

As organizacións reunidas na Plataforma da Comisión da Verdade (entre as que se atopan varias galegas) van manter a semana vindeira unha serie de encontros co Grupo de Traballo de Nacións Unidas sobre Desaparacicións Forzadas e Involuntarias a fin de obter información sobre as desaparicións e crimes cometidos no Estado español durante o franquismo.

A Plataforma pola Comisión da Verdade sobre os Crimes do Franquismo é unha iniciativa impulsada por máis de cen asociacións da Memoria Histórica e vítimas do franquismo, e diversas organizacións cívicas, sociais e sindicais.