O BNG apoia a manifestación contra a mina de Corcoesto o domingo en Carballo
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence acompañado de cargos institucionais e militancia do BNG, participará o vindeiro domingo, día 14 de abril ás 12 hs en Carballo, na manifestación contra a explotación mineira de Corcoesto.
Baixo o lema Por un aire puro, sen arsénico nin cianuro: Non a mina de Corcoesto, o Bloque Nacionalista Galego sumase á manifestación contra o proxecto mineiro contaminante en Corcoesto como xa aconteceu o pasado 7 de abril coa tractorada Mixta organizada dende Cereo, Corcoesto, Laxe e Ponteceso que rematou cunha grande concentración diante da casa do concello en Cabana.
O BNG, unha vez máis, amosa o seu respaldo ás reivindicacións da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e fai un chamamento á cidadanía galega a mostrar o seu rexeitamento a un proxecto que provocará graves consecuencias mediomabientais e económicas na zona.
Paremos o proxecto mineiro a ceo aberto de Corcoesto
Para o BNG só, a través da mobilización cidadá será posible parar un proxecto de explotación mineira, apoiado polo Partido popular, que contempla a instalación dun deposito de substancias e residuos situado a escasos 150 metros do esteiro do río Anllóns cun alto risco para as persoas e o medioambiente.
O BNG reitera o seu chamamento á cidadanía galega a participaren na manifestación do vindeiro domingo en Carballo e rexeitar un modelo de explotación mineira cun alto custe mediambiental para a contorna natural da mina.