O BNG apoia as demandas da Plataforma de Afectados de Angrois que se manifestaron diante do Congreso

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, acudiu esta mañá á amosar a solidariedade, apoio e total concordancia do BNG coas persoas afectadas polo terríbel sinistro ferroviario de Angrois.

Por vez primeira, concentrabanse nas imediacións do Congreso, unha das Plataformas de Afectados polo accidente do Alvia (na súa maioría de Madrid) para demandar unha Comisión de Investigación parlamentar no Congreso dos Deputados e no Parlamento galego. Reivindicación que como explicou Rosana Pérez “o BNG pediu, tanto nun lado como no outro, en reiteradas ocasións pero á que se negou o PP”.

A deputada do BNG concorcou co contido do manifesto lido por unha das persoas afectadas. “Téñense que aclarar todas as dúbidas e debe haber unha resposta por parte dos representantes políticos responsábeis desa liña ferroviaria. Non se pode cargar toda a responsabilidade no fallo humano ou no maquinista como sucedeu co accidente de metro de Valencia”.

Houbo fallos e deficiencias na seguranza

A parlamentar nacionalista declarou aos medios de comunicación que “a colocación de balizas e outros elementos de seguranza após do accidente demostra que houbo fallos e deficiencias na seguranza”. E engadiu que “non é de recibo que nun estado que se di de dereito e democrático non se constitúa unha Comisión de Investigación transparente”. Acusou ao PP e ao PSOE “de falla de sensibilidade. É lamentábel que organizacións políticas que están no Goberno do Estado e outras que estiveron durante anos, non estean hoxe aquí ao lado das vítimas. O PP e o PSOE deben dar a cara”.

Criticou Rosana Pérez a actuación do Ministerio de Fomento e da Xunta de Galiza que “só intentaron e intentan en todo momento tapar, ocultar e esquecer o sucedido”. Sinalou que ademáis da vía xudicial debe haber unha Comisión de Investigación parlamentar e que permita dirimir as posíbeis responsabilidades políticas como sempre pediu o BNG.