O BNG apoia a campaña do referendo pola independencia de Escocia
Ana Miranda mostrase favorábel a que Escocia saía do Reino Unido para constituírse nun Estado que goberne os seus recursos e a capacidade de decidir o seu futuro
A secretaria de Política Internacional do BNG, Ana Miranda amosou hoxe, no seu nome e no do BNG, o apoio ao referendo pola independencia de Escocia e o respaldo á campaña Solidariedade con Escocia iniciada conxuntamente en Glasgow e Galiza.
Escocia, dixo, decidirá o vindeiro 18 de setembro en referendo a súa independencia e nós, afirmou a nacionalista, estamos a favor do Si ao igual que o movemento civil e organizacións políticas que amosaron o seu compromiso a través da campaña Yes Scotland, entre os que destacou o Scottish National Party- SNP (Partido nacionalista escocés) que goberna en Escocia.
Miranda asegurou que a campaña do Yes promove a defensa dos recursos naturais, a pesca, a súa enerxía e sobre todo que se converta nun país libre de bombas nucleares e de destrución masiva, non todos os países o defenden e para mostra, denunciou, temos Gaza.
O BNG estará presente no referendo
A responsábel de política Internacional salientou que votar é o máis democrático e Escocia vaino facer o vindeiro 18. O noso apoio engadiu, vai máis alá e acompañaremos o proceso coa presenza dunha delegación do BNG encabezada polo seu portavoz nacional, Xavier Vence.
Por outra parte, Miranda remarcou que o proceso en Escocia representa un dereito democrático e como tal, conta co apoio do BNG, apoio que estendeu, á campaña Internacional Solidarity with Scotland iniciada por particulares galegos e escoceses e coordinada por Paul Kanavag en Glagow e Pilar Fernández en Santiago de Compostela.
@s promotores pronostican éxito do Si á independencia
Pilar Fernández agradeceu o apoio do BNG e xustificou a campaña na necesidade de responder ao Goberno británico ao que a acusou de comportamento abusivo e hipócrita e tentar meter medo aos escoceses asegurando que de prosperar o Si poden quedar sós no panorama internacional. Asemade, denunciou a presión das embaixadas e altos comisionados para mobilizar o voto polo Non procurando mesmo o apoio doutros países.
Ante esta situación,dixo, Solidarity with Scotland decidiu enviar diversas cartas ás embaixadas denunciando esta práctica que socava e tenta interferir nun debate pacifico, democrático e legal entre a cidadanía escocesa.
Fernández lembrou que estas institucións son sufragadas polos impostos dos que votarán Si ou Non e o goberno debe manter unha postura neutral e sen declaracións confusas para alentar o voto negativo.
Nós como cidadáns con amigos e familiares en Escocia, dixo, decidimos responder ante esta inxustiza e queremos que a cidadanía participe libremente nun proceso democrático que resulta unha oportunidade histórica para botar a andar unha sociedade que primordialmente favoreza ás persoas e impulse o benestar.
É unha campaña moi activa nas redes sociais que conta con voluntarias e voluntarios en diversas partes do mundo e que carece de financiamento. As mensaxes favorábeis ao SI, engadiu, proveñen de: EE.UU, Grecia, Canadá, Inglaterra, Gales, Holanda, Corcega, Dinamarca, Suecia, Turquía, Cerdeña, Sicilia, Bélxica e do Estado español, Andalucía, Canarias, Cataluña, Euskadi e de maneira especial, Galiza así como de grupos de persoas escocesas que viven en diferentes puntos de Europa.
Finalmente, como representante dos escoceses na diáspora, James Douglas Naismith, home de Pilar Fernández e utilizando a lingua galega na súa intervención, destacou os vínculos entre Galiza e Escocia e deu por feito que o si vai gañar.
Agardamos, dixo, que o noso éxito de conseguir a autodeterminación axude a outros para iniciar o mesmo camiño, ¡Forza Galiza, forza Escocia, forza a todas as nación sen Estado! Concluíu.