BNG apela a un grande acordo de país para afrontar os cambios estruturais que precisará a Galiza dos vindeiros anos
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, invocou esta mañá, trala constitución no Parlamento de Galiza da Comisión de Reactivación Económica e Social, á necesidade de que é preciso que “se practique o diálogo entre as distintas forzas políticas e sobre todo que funcione esta comisión sen vetos e sen maiorías absolutistas”, indicou.
Tamén asegurou que, neste contexto de pandemia, é singularmente relevante que “é evidente que estamos ante un momento decisivo para o futuro de Galiza e teño a convicción de que as decisións de hoxe van marcar a Galiza dos próximos anos e, polo tanto, é importante que nesta comisión teñamos capacidade de fraguar grandes acordos de país”, aseverou.
Galiza necesita cambios estruturais
A Comisión de Reactivación Económica e Social ten que dar resposta, segundo Ana Pontón, ás necesidades que ten o país para afrontar unha transformación que urxe neste contexto de pandemia global e explicou que “hai que camiñar cara un novo modelo económico e social que aposte por unha economía verde, pola innovación, a ciencia e porque en Galiza se manteña a industria”.
Tamén fixo fincapé, a continuación, na imperiosa necesidade de non esquecer a importancia que ten neste momento o fornecemento dos servizos públicos e a atención sociosanitaria porque “hai que traballar para dar resposta a esa demanda de igualdade que nesta era COVID-19 , como se viu coa crise dos coidados, é máis importante que nunca” sen esquecer, finalmente, que todo ten que redundar en chegar a acordos que “favorezan ás maiorías sociais do país”, concluíu.
Fondos COVID19 procedentes da UE
En materia económica Ana Pontón indicou que existe unha grande preocupación dende o BNG sobre o reparto que se vai facer coa provisión dos fondos previstos para afrontar esta pandemia e que chegarán dende a Unión Europea e por iso, remarcou, “é importante que esta comisión non chegue tarde”, e a seguir confesou que “non podemos permitir que Madrid se quede coa maior parte do pastel é que a Galiza lle queden as migallas.” Tamén apelou á responsabilidade do presidente da Xunta para presentar proxectos de país para non perder unha oportunidade única e “traballar nun grande acordo de país para a distribución destes fondos COVID19, agardo que non se chegue tarde”.
Destacou, finalmente, que é importante que a parte deses fondos que lle correspondan a Galiza deberan ser xestionados dende o noso país “porque sabemos que se non se fai unha fronte común dende este ámbito acabarase repetindo a mesma historia destes últimos anos onde vimos como o centralismo madrileño acaba absorbendo recursos e inversións e a Galiza o que lle queda é a peor parte da torta”.