O BNG apela a cambiar a lei para considerar a violación e as agresións sexuais “delitos públicos”
A deputada do BNG, Noa Presas demandou no Parlamento, modificar a lei para considerar a violación e as agresións sexuais “delitos de carácter público”. A través dunha proposición non de Lei reclamou modificar a definición estatal de violencia de xénero como establece o Convenio de Istambul para recoñecer a violencia sexual porque “a violencia sexual é violencia machista” e a propia OMS defínea como acto sexual contra a sexualidade dunha persoa mediante coacción, á marxe da relación coa vítima e en calquera ámbito.
Gustaríame pensar, dixo, que ata aquí estamos todos e todas de acordo pero lamentablemente hoxe “non se cumpre o Convenio de Istambul, nin o Pacto de Estado” sobre o que xa BNG advertiu que “nacía como unha fraude”.
Se hai un debate que o feminismo ten conseguido colocar de forma profunda na sociedade a través das grandes mobilizacións e toma de conciencia colectiva dos últimos anos, é o da “violencia sexual e o do consentimento”.
Estes días está de novo no debate público a agresión da Manada de Pamplona deses “fillos do patriarcado”. A violencia machista exercida contra as mulleres, recalcou a deputada é un problema de primeira orde, contrario aos dereitos humanos e representa “un auténtico xenocidio”.
A parlamentaria insistiu na necesidade dun compromiso real das institucións, comezando polo Goberno galego polo que exixiu medidas que, ao seu xuízo, deberían contar co “apoio unánime da Cámara galega” entre as que destacou actuacións legais para que os delitos de violencia sexual sexan instruídos nos xulgados exclusivos de violencia machista e transferir a Galiza os recursos orzamentarios necesarios para a súa adaptación.
Hoxe presumimos de ser “vangarda en Galiza” na loita contra a violencia machista pois “sexámolo tamén na loita contra a violencia sexual” porque a semana pasada facíase pública a Memoria de 2018 da Fiscalía confirmando que en Galiza continúan medrando as denuncias :“Aumentaron as agresións sexuais con 382 delitos incoados, máis dun 12% e os abusos sexuais xa suman 467, máis do 40,6%.
Agardaremos a futura Macroenquisa da Xunta para 2020, pero xa contamos con estudos preocupantes como o Programa Suprime o control que desenvolve Deputación da Coruña que reflicte un 18% de rapazas que declaran ter recibido tocamentos sen o seu consentimento.
Estes estudos e información de persoas que traballan na cadea de atendemento ás vítimas alertan do impacto negativo na mocidade polo peso da pornografía na educación. A Memoria da Fiscalía tamén advirte dun importante aumento dos abusos e agresións cometidos contra menores de idade e tamén por menores de idade.
A parlamentaria concluíu a súa intervención reclamando medidas para mellorar a cadea de atendemento ás vítimas de agresións sexuais para garantir os seus dereitos constituíndo unha mesa de traballo con representación xudicial, policial e forense co fin de analizar posíbeis fallos así como garantir a atención xurídica ás vítimas de violencia sexual como vítimas de violencia machista ademais de impulsar unha campaña específica para informar da existencia deste recurso.
“Basta de silencio, de subestimar a violencia sexual e vivir esperando que a ti non che toque”, aseverou a nacionalista.