BNG anuncia emenda nos OXE para incluír o proxecto de humanización da Avenida Rosalía de Castro no Milladoiro
O Grupo Municipal do BNG de Ames desprázase ao Congreso para presentar, xunto co deputado Néstor Rego, a emenda nos OXE para que o Goberno leve a cabo o proxecto e permita unha mellora na calidade urbana neste núcleo do Concello de Ames
David Santomil considera necesario “presentar esta emenda para exixir os compromisos políticos adquiridos polo Goberno do Estado en Ames e dar resposta a unha reclamación histórica da veciñanza
Néstor Rego sinala que non é de recibo que o Estado continúe adiando estas obras e esqueza os investimentos nun dos concellos máis poboados do noso País
O deputado do BNG Congreso, Néstor Rego, anuncia a presentación dunha emenda nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 en que solicita a inclusión dunha partida específica de medio millón de euros para a redacción do proxecto completo de humanización da Avenida Rosalía de Castro en Milladoiro. O deputado, acompañado do grupo municipal do BNG de Ames, procura solucionar tamén o acceso ao parque empresarial Novo Milladoiro nun Concello esquecido polo Goberno do Estado nestes OXE.
Durante a visita do grupo municipal do BNG de Ames, encabezado polo seu voceiro e tenente de alcalde, David Santomil, e acompañado polas concelleiras Natividade González e Escarlata Pampín, sinalan a necesidade de que o Goberno do Estado se implique e involucre con investimento real. Demanda do executivo estatal compromiso político que dea resposta a “unha reclamación histórica da veciñanza, do tecido asociativo e de todos os grupos políticos que compoñen a corporación municipal”.
“Un Concello como Ames, con máis de 32.000 habitantes non pode ficar no esquecemento nos novos orzamentos, máxime cando están redactados os anteproxectos de humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro e da mellora do acceso ao parque empresarial Novo Milladoiro” explica o voceiro municipal do BNG, David Santomil. Así mesmo, lembra que existe o compromiso político por parte do Goberno do Estado coa Asociación de Empresarios de Ames.
Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, comprométese a presentar emendas nos OXE para reclamar a inclusión de partidas específicas co obxectivo de que se leve a cabo a redacción do proxecto completo para a humanización da Avenida Rosalía de Castro. Néstor Rego indicou que esta é una reclamación xusta que non pode continuar demorando a súa execución. “O Milladoiro leva moitos anos esperando por una actuación que ten por obxectivo mellorar a calidade urbana e, por tanto, a calidade de vida de todas as persoas que viven ou traballan no Milladoiro. Humanizar a Avenida Rosalía de Castro e mellorar o acceso ao parque empresarial Novo Milladoiro son actuación non só necesarias senón tamén urxentes. Non é de recibo que o Estado continúe adiando estas obras e esqueza os investimentos nun dos concellos máis poboados do noso País”, enfatizou.
Lembrou que, tanto no Proxecto de Orzamentos do ano pasado, como xa en 2015, a formación nacionalista presentou unha emenda para dar solución aos problemas de tráfico, seguranza e ruído que padece a veciñanza do Milladoiro, froito da política urbanística do Partido Popular. As emendas presentadas pola organización frentista foron rexeitadas polos respectivos gobernos estatais de PP, en 2015, e da coalición PSOE-UP, para 2021.