O BNG anima a implantar o Plan Revitaliza para tratar os biorresiduos urbanos en todo o territorio galego
Luís Bará pide ao PP que cumpra a lei e abandone o modelo SOGAMA de incineración por “obsoleto, insostible e prexudicial para o medio ambiente”
O deputado do BNG, Luís Bará defendeu hoxe unha proposición non de lei destinada a establecer a compostaxe como modelo universal para tratar os biorresiduos urbanos no primeiro trimestre do ano 2019 e iniciar a colaboración coa Deputación de Pontevedra no “desenvolvemento do plan Revitaliza para a súa aplicación no resto do territorio galego”.
Durante a súa intervención, o parlamentario do BNG mantivo na tribuna unha bolsa do Plan Revitaliza posto en marcha na provincia de Pontevedra que contiña compost e co fin de animar ao grupo maioritario do Partido popular a votar favorablemente a iniciativa.
Pola súa parte o portavoz do partido popular, Jacobo Moreira asegurou que SOGAMA xa promove a compostaxe e propuxo ao BNG transaccionar o texto da proposición non de lei nacionalista para a súa votación que terá lugar na sesión plenaria de mañá.
O deputado do BNG replicou a Moreira que é necesario camiñar cara outras políticas medioambientais e o modelo SOGAMA “nin é sostible, nin rendible, nin aposta polo medio ambiente” e de seguir así, recalcou Bará, “non acadaremos as cifras recomendadas pola Unión europea”.
Neste sentido insistiu en que a compostaxe debe ser prioritaria no tratamento de biorresiduos e pediu ao Partido popular que cumpra a lei nos cambios normativos que se están a producir nos últimos tempos comezando, dixo, “pola directiva europea de residuos”.
O deputado tamén advertiu que queda menos dun ano e medio da entrada en vigor da lei pola que os residuos comerciais e domésticos destinados para reutilización e reciclado, incluídos os biorresiduos, deberán alcanzar como mínimo “un 50% de reciclado” ao que sumou a modificación da lei estatal no referido á “obriga do separado dos biorresiduos para destinalos a compostaxe e garantir que o tratamento de biorresiduos se realice a través de compostaxe doméstica e comunitaria ou en instalacións específicas” como xa está a facer dende hai dous anos a Deputación provincial de Pontevedra e moitos concellos da provincial, incluso “gobernados polo Partido popular”.
Bará criticou que a Xunta “non se modernice” e siga sen cumprir a lei. Están, vostedes, manifestou “nun estado asilvestrado, botáronse a SOGAMA poñendo en marcha un móstroo que xa non ten ningún sentido”. É un modelo que hai que parar, é “un sistema centralizado irracional sobre todo ante a dispersión da poboación galega e que ademais produce grandes custes económicos, sociais e medioambientais”. SOGAMA, explicou, supón a recollida dos biorresiduos por todo o país para logo queimalos beneficiando exclusivamente a Gas Natural e a Fenosa.
Bará reivindicou o modelo Revitaliza da Deputación de Pontevedra do que dixo, é un “modelo de modernidade e respecto polo medio ambiente”. Unha compostaxe de máxima calidade domiciliaria, comunitaria e en planta. É “un proxecto novidoso que esperta interese no Estado e Europa” polos seus beneficios.
Finalmente, o deputado do BNG fixo un chamamento ao Partido popular a “non sabotear” este modelo e votar favorablemente ao seu desenvolvemento e implantación en todo o territorio galego.