BNG amosa o seu apoio ao sector conserveiro por ser “de vital importancia” para a economía galega
Ana Miranda: “Non podemos permitir que baixo o paraugas da ausente política comercial da UE se deixe este sector en segundo lugar como ocorre actualmente”
Unha delegación do BNG integrada pola eurodeputada Ana Miranda (integrante da Comisión de Pesca da Eurocámara), a deputada Carmela González e o deputado Brais Ruanova, (integrantes da Comisión de Pesca e da Comisión de Industria do Parlamento Galego, respectivamente) mantiveron unha reunión en ANFACO-CECOPESCA na que trasladaron a aposta do Bloque por un sector de “vital importancia” para a economía galega.
“No BNG apostamos pola nosa industria e pola industria conserveira galega, un sector importantísimo en moitas das nosas vilas, un sector internacionalizado e un sector que crea moito emprego”, subliñou Ana Miranda tras o encontro mantido co secretario xeral de ANFACO, Roberto C. Alonso Baptista de Sousa; así como cos integrantes da asociación, Rosa Nieto Pombar e Juan Montáns Piñeiro.
No encontro abordáronse diversas cuestións relacionadas co sector transformador de peixe e marisco, así como problemáticas que afectan aos acordos internacionais pero tamén a ausencia da política comercial e apoio industrial da Unión Europea.
“Non podemos permitir que baixo o paraugas da política comercial ausente da Unión Europea se deixe a este sector en segundo lugar como vén pasando nestes anos, polo tanto tamén en Europa defenderemos a industria transformadora galega”, sinalou ao respecto a eurodeputada galega, quen destacou que a relevancia de ANFACO-CECOPESCA -fundada en 1994 en Vigo- radica en que conta con 250 empresas asociadas e unha facturación global de máis de 12.100 millóns de euros.