BNG e Alternativa dos Veciños coinciden na necesidade dunha grande candidatura galega

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2015.- No día de hoxe unha delegación da Executiva do BNG e representantes da Alternativa dos Veciños mantiveron un encontro para compartir as posicións de cada organización en relación coas próximas eleccións xerais.

O BNG trasladou ao colectivo veciñal a súa alternativa de cara aos vindeiros comicios, para constuír unha candidatura galega que teña por obxectivo a conformación dun grupo propio no Congreso dos Deputados, nunha fórmula de concorrencia con personalidade xurídica propia e constituída por todas aquelas organizacións, colectivos e persoas que partillan os obxectivos básicos de defensa efectiva do carácter nacional de Galiza.

Así mesmo, o BNG trasladoulle á Alternativa a súa vontade de avanzar neste obxectivo mediante a posta en marcha dun proceso social aberto e inclusivo que permita incorporar organizacións, colectivos e persoas na conformación dunha gran candidatura que lle dea o protagonismo debido á participación da cidadanía para garantir unha representación potente de Galiza como nación nas cortes do Estado.

As dúas formacións coincidiron na importancia desta iniciativa no momento actual, de cara a que no contexto de mudanza política que se pode abrir no Estado, Galiza conte cunha representación acaída para defender o seu recoñecemento nacional, así como para garantir que se produza un cambio efectivo nas políticas sociais e de dereitos democráticos.

A delegación da Alternativa dos Veciños manifestou o seu interese na proposta e a súa vontade de darlle trasladalo aos órganos de participación deste colectivo. Ambas as dúas organizacións conviñeron en manter aberta unha canle permanente de diálogo para favorecer encontros futuros no marco do proceso social de conformación da candidatura galega.