O BNG alerta de problemas de "inseguridade xurídica" na modificación dal Lei do solo

A deputada Ana Pontón salientou que a lei non cumpre a Lei de Transparencia, o establecido na Lei do Réxime Local nin a Lei do CES e cualifica o proxecto de lei de proxectos públicos de urxencia  ou de excepcional  interese de  “unha modificación encuberta da lei do solo”

Pleno.-Na tramitación, polo procedemento de lectura única e urxencia, do Proxecto de lei en materia de proxectos públicos de urxencia e de excepcional interese, a parlamentaria do BNG, Ana Pontón afirmou que o proxecto non cumpre coa lei de transparencia, co establecido na Lei de Réxime Local e tampouco coa lei do CES.

O Partido popular, dixo Pontón, non pode escudarse na maioría absoluta para non ter en conta a lei vixente nin os argumentos do resto dos grupos parlamentarios. A tramitación e o contido do proxecto, dixo, demostran “pouco rigor e falta de seriedade moi grave” porque o Partido popular está xogando cos intereses de Vigo.

O PP modifica a lei do Solo de maneira encuberta

A deputada afirmou que proxecto debatido hoxe é “unha modificación encuberta da lei do solo” e anunciou que o BNG absteríase na emenda do Partido popular para evitar a manipulación que PP e PSOE tentan facer do voto nacionalista, en relación “cos proxectos que hai que levar adiante no concello de Vigo”.

Constatamos, dixo, que a lei do Solo presentada polo Goberno, “non lle vale ao PP” que a emenda en cuestión substancial modificando o artigo 147. Nós, por responsabilidade nesta Cámara pedimos que pensen antes de aprobala ante o risco que presenta de inseguridade xurídica. A deputada preguntou por qué a modificación da lei non foi sometida ao informe do CES cando é polo interese económico e social e o propio artigo 5 do Consello Económico e Social establece que os anteproxectos e proxectos económicos e sociais deben pasar o informe do CES. Por outra parte, denunciou que existe unha Lei de transparencia que obriga á publicación dos proxectos na páxina web e unha Lei de Administración Local que obriga a unha consulta co Consello de Cooperación local cando ten unha incidencia moi clara nas competencias municipais, “o Partido popular non deu ningún argumento sobre estas irregularidades”.

Calquera cidadán, afirmou a nacionalista, pode denunciar esta lei porque o PP incorre en defectos de forma que poñen en risco a seguridade xurídica no ámbito urbanístico.

 Alternativas do BNG á Lei

A parlamentaria denunciou que unha administración non pode vulnerar os principios que marca a lei “por moita maioría absoluta” que teñan na Cámara galega polo que reiterou que a alternativa presentada polo do BNG pasa por outorgar un prazo dun mes ao concello en función da complexidade dos proxectos que pode ser ampliado a dous meses e que a consellería resolva o proceso de participación pública coa publicación no Diario Oficial de Galicia, nos xornais de maior difusión do concello onde se localice o proxecto e na web da Xunta de Galiza.

A deputada concluíu preguntando quen vai pagar as expropiacións dun proxecto, circunstancia que na súa opinión, pode provocar graves problemas no urbanismo. A nosa alternativa é a autonomía municipal, participación pública, avaliación ambiental e todas as garantías xurídicas e de participación.

Finalmente, a lei de proxectos de públicos ou excepcional interese  foi aprobada polos votos do Partido popular e o PSdeG.