O BNG alerta para a modificación das concesións de dominio público marítimo-terrestre na Lei de Cambio Climático
Néstor Rego emprazou a Ministra de Transición a falar co sector mar-industria alimentaria antes de calquera modificación
O BNG cre necesaria unha regulamentación que protexa a costa e que manteña actividades económicas fundamentais de aproveitamento de recursos naturais sustentábeis.
A deputada no Parlamento da Galiza, Montse Prado, e o deputado no Congreso, Néstor Rego, mantiveron unha reunión coas entidades representativas do sector, preocupadas pola posíbel finalización abrupta das concesións.
“A costa galega non ten só un uso lúdico e recreativo, senón tamén e fundamentalmente un ha vertente económica da que dependen millares de persoas para vivir. Parece que en Madrid aínda non repararon nisto”, sinalou Montse Prado
No marco da Comisión para a Reconstrución Social e Económica, en que comparecía a Vicepresidenta Cuarta e Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, o deputado nacionalista, Néstor Rego, trasladoulle a preocupación do BNG pola inclusión dun artigo na Lei de Cambio Climático que modifica os criterios de concesión do dominio público marítimo-terrestre.
Esta modificación podería afectar negativamente moitas actividades vinculadas ao sector mar-industria alimentaria, tales como marisqueo, depuradoras de moluscos vivos, acuicultura ou fábricas de conserva, que podería ver acurtada ou finalizada abruptamente a concesión e por tanto, deberían cesar a actividade. O problema radica en que coa nova regulamentación a prórroga extraordinaria non sumaría a partir da finalización da concesión orixinal senón desde o inicio desta.
“Concordamos con que hai que protexer o litoral, mais esa protección debe ser compatíbel con actividades respectuosas co medio que para existiren necesariamente teñen que se ubicar no bordo mariño”, sinalou Rego. O Deputado nacionalista acrecentou que talvez a Ministra cando incorporou ese artigo estivese pensando no litoral mediterráneo e “en ocupacións do territorio moi agresivas; o que non hai dúbida é que non estaba pensando no litoral galego e no aproveitamento respectuoso dos seus recursos naturais”.
Néstor Rego salientou que as actividades, xeralmente sostíbeis, vinculas á xestión dos nosos recursos naturais que se producen no litoral galego, non son agresivas para o medio ambiente. En moitos casos, a concesión consiste en tubos soterrados de captación e expulsión de auga do mar que non teñen sequera impacto visual.
“Este é o resultado de lexislar desde Madrid, sen ter en conta a realidade da Galiza e as características da súa costa e do sector mar-industria alimentaria, do que viven millares de persoas. Situacións como esta poñen máis en evidencia a necesidade de que a Galiza teña plena capacidade para decidir sobre os seus asuntos de maneira soberana”, salientou o deputado nacionalista.
Na tarde desta quinta feira, a deputada no Parlamento da Galiza, Montse Prado, e o deputado no Congreso, Néstor Rego, mantiveron unha reunión coas entidades representativas do sector, preocupadas pola posíbel finalización abrupta das concesións. A representación do BNG comprometeuse a exixir do goberno diálogo co sector antes de proceder a calquera modificación e, en todo o caso, a supresión do artigo 18 do Proxecto de Lei, pois calquera posíbel mudanza parece razoábel realizala na Lei de Costas.
Montse Prado subliñou que é precisa unha regulamentación adecuada e un proceso de diálogo que estabeleza que actividades teñen de se manter na beira do mar e con concesións de dominio público e que outras poden ser trasladadas e, neste caso, en que condicións deben facelo.
“A costa galega non ten só un uso lúdico e recreativo, senón tamén e fundamentalmente unha vertente económica da que dependen millares de persoas para vivir. Parece que en Madrid aínda non repararon nisto. Temos que ser os galegos e galegas os que tomemos as decisións sobre a nosa costa. Mais entre tanto, comprometémonos a que esta situación se resolva razoabelmente, mantendo o equilibrio entre protección e actividade económicas compatíbeis”, sinalou a deputada nacionalista.