BNG alerta da perda de explotacións agrarias e exixe medidas lexislativos e económicas para reverter a situación
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) recriminou ao conselleiro de Medio Rural as políticas do PP que incrementan o deserto poboacional, as macro-explotacións e parques eólicos, o deterioro do medios ambiente e a falta de medios para a prevención de incendios.
Rivas interpelou ao titular de Medio Rural, Xosé González ante a o peche de un gran número de explotacións agrarias e a falta de medidas para reverter esta situación e criticou que a consellería persista en utilizar un criterio económico de macro-cifras e non ter en contra o números de familias afectadas e a actividade económica.
Nesta liña, indicou que no ano 2022, a pesar de ser un ano bo para o sector lácteo, “pecharon 344 granxas que sumadas ás de carne suman ascenderon a 1.600”. Dende que chegou o Partido popular á Xunta, “pasamos de 47.394 explotacións gandeiras a 27.663”. As súas políticas, retirou, o nacionalista, provocaron o abandono da actividade agrogandeira cun saldo negativo de 20.000 granxas.
Ademais, no período 2014-2022, en plena lexislatura do rural, “perdemos no gandeiro LÁCTEO 5.300 explotacións”.
Situación crítica para o sector
“A situación é crítica”, recalcou Rivas, os peches sextuplican as novas incorporacións. Perdemos músculo e a consellería segue aplicando a receita das Aldeas Modelo, “inoperantes para a recuperación económica e poboacional”.
O PP, engadiu, continúa apostando por un país de micro-cifras e macro-explotacións, “pola concentración de recursos e bens de produción en poucas maos mentres desertiza o territorio”.
O deputado lembrou que as axudas pola Covid e a guerra de Ucraína marxinaron ás explotacións de menos de 10 vacas nutrices. Por outra banda, tras a resposta social contra os abusos da Industria co sector da carne de vacún, vostede sacou da manga aquel protocolo de dous valedores, UUAA e Juana de Vega, para tentar sacar un coello da chisteira para calmar os ánimos pero foi “un fiasco”, e seguen a cobrar moi por debaixo dos custos de produción. A esta situación, dixo, temos que sumar “o desprezo manifesto á produción ecolóxica”.
Urxe poñer en marcha o Plan Integral para recuperar o rural
Si queremos mudar esta realidade, afirmou o nacionalista, urxe poñer en marcha “o Plan integral de recuperación do Rural porque a realidade o exixe e se queremos saír deste suicidio anunciado”. Un Plan Integral de recuperación do Rural rigoroso para pagarlle ao produtor ou produtora o que lle corresponde polo seu traballo e non recorrer “a unha axuda máis”.
Tras a resposta do conselleiro do Medio Rural que acusou a deputado do BNG de describir unha situación que non se corresponde coa realidade, Xosé Luís Rivas replicou que a Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico de Galicia 2022-2030 da súa Consellería, as explotacións con menos de 10 vacas nutrices non son profesionais e polo tanto están condenadas á extinción, como pensa a súa Consellería substituír a imprescindible xestión que fan do territorio? Por brigadas de incendios? Que pensan facer coas máis de 10.000 familias? preguntou.
Se o poder político, responsable en gran medida desta situación, non ofrece medidas correctoras, decididas e creadoras de proxectos de vida baseados nas ofertas que o territorio dá e articuladoras de esperanzas colectivas, “o futuro do noso rural está fanado”.
“No ano 2010 tiñamos un millón de vacas e 45.000 explotacións. En 2020, co mesmo número de vacas, quince mil explotacións menos. Non lles importa a xente?”
Urxe poñer en marcha medidas que favorezan os sectores produtivos con mellores prezos para os produtos agropecuarios e contra os sectores especulativos. Mellorar as condicións sociais e os servizos no rural.
É necesario priorizar a creación de mesas de diálogo e negociación coa presenza dos axentes que interveñen nas cadeas de produción, para establecer prezos que ‘”salven os custes de produción, aseguren ganancias e permitan un desenvolvemento económico-social dos diferentes sectores produtivos do rural”.
Planificar accións coordinadas e debidamente orzamentadas destinadas a activar zonas deprimidas, abandonadas e despoboadas que permitan o reinicio das actividades agrogandeiras que “fixen poboación, reactiven a economía e xestionen territorio coa meta posta na necesaria soberanía alimentaria”.
Rivas concluíu a súa intervención apostando polo comercio de proximidade e a venda directa poñendo en marcha unha rede de matadoiros e Centros Comarcais de Transformación que favorezan o desenvolvemento de pequenas e medianas explotacións familiares de producións, tanto ecolóxicas coma integradas así coma o aproveitamento dos excedentes do autoconsumo.