O BNG alerta dos colapsos en Urxencias derivados da política de recortes do PP
A deputada do BNG, Montse Prado denunciou a situación caótica que se está a producir nos servizos de urxencias que achacou aos continuos recortes aplicados polo goberno na Sanidade pública galega
A parlamentaria do BNG, Montse Prado defendeu unha Proposición non de lei para demandar actuacións da Consellería de Sanidade contra os colapsos nos servizos de Urxencias provocados pola política de recortes humanos e de recursos aplicada polo Goberno do Partido popular
A situación de urxencias, dixo a deputada, non se soluciona só nestes servizos e baixo a responsabilidades dos profesionais polo que reclamou dotar a sanidade pública dos recursos necesarios, elaborar un protocolo contra os picos da gripe, abrir as unidades de especialización e as camas pechadas , dimensionar as plantillas cos números precisos coa reposición de persoal eliminado, case 3.000 profesionais e un plan destinado a mellorar a atención primaria.
Listas de espera en atención primaria
A parlamentaria afirmou que na atención primaria existen listas de espera dunha semana ou de dez días o que obriga aos doentes a acudir aos servizos de urxencias provocando unha grande saturación pola falta de recursos, fundamentalmente humanos.
Para a deputada, o goberno debe rectificar a súa política porque as urxencias non se colapsan só por picos estacionais, existen denuncias da situación caótica no HULA que mantén pechada unha planta, o novo hospital de Vigo tampouco solucionou a saturación e o servizo de urxencias mesmo rexistrou nun só día a asistencia de 250 persoas, no CHUS a Asociación de doentes tamén denunciou unha situación que mesmo levou aos doentes a permanecer en padiolas nos corredores.
Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, Núñez Centeno atribuíu a saturación nos servizos de urxencias a momentos puntuais e non aos recortes. Ademais dixo, xa existe un plan de continxencia para resolver a saturación neses momentos puntuais polo que anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista.
A parlamentaria volveu a reclamar protocolos que non existen, recalcou, e dotar de recursos os servizos de urxencias. Montse Prado acusou ao portavoz popular de seguir a doutrina da anterior conselleira de sanidade que culpabilizaba aos doentes de acudir demasiado a urxencias.