BNG alégrase da rectificación do Goberno a respecto da Saída Sur de Vigo e avanza que estará “vixiante” para que se cumpra o acordado
Néstor Rego demanda a Transportes transformar “os anuncios en realidades” con partidas específicas nos vindeiros orzamentos para que esta infraestrutura sexa unha realidade en 2030
Lembra que este horizonte temporal é froito do conseguido polo BNG durante a negociación para a investidura e da presión da organización en Madrid e en Vigo
O Bloque Nacionalista Galego felicítase pola decisión do Goberno do Estado de rectificar e asumir o compromiso de ter lista a saída sur de Vigo en 2030, tal e como estaba recollido no Acordo de Investidura conseguido polo BNG. Neste sentido, o BNG avanza que estará “vixiante” para que esta rectificación “non quede nun anuncio” e se transforme nunha realidade”.
As últimas declaracións do Secretario de Estado de Transportes son para o BNG unha boa nova para Vigo e para a Galiza, despois das declaracións de Pedro Sánchez na recente Cimeira Ibérica en que sinala que se postergaría a conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto até 2032. Isto supón, segundo explica o deputado do BNG no Congreso, unha rectificación “da que nos alegramos” e da que “estaremos vixiantes para que o Ministerio de Transportes transforme os anuncios en realidades”.
Ante este anuncio, o BNG avanza a necesidade de que o vindeiro proxecto de orzamentos conte coas partidas específicas necesarias para que esta infraestrutura, a Saída Sur de Vigo, sexa unha realidade en 2030. Unha realidade, recorda Néstor Rego, que xa foi recollida e conseguida polo BNG durante a negociación para esta última investidura de Pedro Sánchez.
“Estamos a falar dunha infraestrutura chave para a cidade de Vigo mais tamén estratéxica do punto de vista social e económica para toda a Galiza” subliña Rego. Neste sentido, o deputado do BNG sinala que a súa organización seguirá a exercer presión sobre o Goberno para garantir que este cambio de posición sexa real.
Debate e aprobación no pleno do Senado
A organización nacionalista lembra que esta actuación, alén de figurar entre os compromisos conseguidos polo BNG durante a investidura, foi obxecto dunha moción na cámara alta o pasado 20 de novembro. Naquela iniciativa, aprobada polo Senado, o BNG instaba o Goberno a “coordinar co goberno portugués a priorización e axilización da execución dos tramos ferroviarios para a construción do Corredor de Alta Velocidade Vigo-Porto, sen postergala en favor de ningunha outra conexión, acelerando a parte correspondente do Goberno do Estado a construción da saída sur de Vigo co obxectivo de que poida estar finalizada no horizonte do ano 2030”.