BNG advirte dos riscos para a saúde pública das verteduras na mina de Varilongo en Santa Comba
BNG advertiu no Parlamento galego dos riscos que teñen para a saúde pública as verteduras que está a producir a explotación mineira de Varilongo, “con vertidos constantes nos que se detecta a presenza de niveis alarmantes de metais pesados, fundamentalmente de cobre, cinc e cadmio”, polo que reclamou á Xunta que asuma as súas funcións de control ante uns vertidos que se producen de xeito reiterado.
Así o denunciou a deputada nacionalista Iria Carreira nunha pregunta parlamentaria na Comisión de Medio Ambiente e na que alertou que estas concentracións, segundo distintos grupos ecoloxistas, superan amplamente os límites máximos que establece a lexislación. “Estamos ante substancias que ademais non son inocuas, senón que o cadmio é perigoso polo seu potencial canceríxeno, sen desprezar tampouco os ricos para a saúde que poden supoñer a intoxicación por cobre e cinc”, recalcou, para a continuación asegurar que, segundo as informacións das que dispón o BNG, as analíticas realizadas polo propio Laboratorio de Medio Ambiente de Galiza, as verteduras presentan niveis de cadmio que superan 325 veces o máximo legal permitido, os de cobre, 145 veces e os de cinc case 100 veces máis.
Logo de indicar que estas verteduras proceden do coñecido como “transversal Carballeira”, unha galería de desaugamento da antiga mina e das balsas de decantación utilizadas pola empresa de áridos Canteira da Mina, explicou que as augas contaminadas van dar ao rego dos Lagos, deste ao regato da Braña Ancha, para finalmente desembocar no río Xallas, “afectando durante todo o proceso a terreos agrícolas e coa conseguinte filtración que se daría ao subsolo, contaminando tanto os ríos coma tamén os acuíferos”.
Carreira indicou que os colectivos ecoloxistas denuncian mesmo a falta de actuación de Augas de Galiza, “cando se omitía nos controis periódicos a obriga de realizar análises de metais pesados, que resultan o verdadeiro problema da explotación pola presenza de sulfuros” e porque a ausencia do trámite de avaliación ambiental “permitiu que saíran adiante sen incluír calquera medida para o tratamento das drenaxes de mina con altas concentracións de metais pesados antes de verterse ao medio”.
Así pois, a deputada nacionalista interpelou á directora de Augas de Galiza porque, segundo recalcou, “estamos vendo que a Xunta está, tanto por acción como por omisión, permitindo actividades que poñen en perigo xa non só o medio ambiente ou a riqueza paisaxística, senón que directamente falamos de actividades que poñen en perigo a saúde pública”. Ante a resposta da responsable de Augas, Carreira advertiu que “o que está facendo a empresa é solicitar autorización para o que xa se estaba vertendo, autorización que se lle está concedendo e cando hai un vertido de xeito descontrolado: non é nin un, nin dous, nin tres, senón que se están constatando reiteradamente”.
Para a deputada nacionalista, “confiar simplemente na boa fe da empresa e nos seus autocontrois representa a non realización do labor obrigatorio de velar polo interese da poboación” que ten o Goberno galego, ao que tamén reprobou, por último, por seguir sen facilitar a información solicitada polo BNG -amparándose no artigo 9 do regulamento da Cámara- sobre os expedientes administrativos relacionados coa concesión e a explotación da antiga mina de Varilongo e da canteira da Mina, así como todas as analíticas realizadas por Augas de Galiza e polo Laboratorio de Medio Ambiente das verteduras. “Esta solicitude data do 18 de marzo de 2021 e aínda non houbo resposta ningunha a pesar de teren a obriga de contestar no prazo dun mes. Curiosa calidade democrática”, concluíu.