BNG vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego sobre a crítica situación que atravesa a fábrica de Alu Ibérica na Coruña e nas que urxe a Xunta e Goberno central a promover un Plan Industrial que permita salvar a planta.
O portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, reclama aos dous Executivos que abandonen “ese pim-pam-pum estéril que levamos aguantando durante máis dun ano e que non nos conduce a nada, agás á liquidación e ao peche da fábrica e ao despedimento de todo o persoal”.
Neste sentido, Fernández lembra que o administrador nomeado pola Audiencia Nacional acaba de pedir o preconcurso de acredores e de solicitar tamén autorización para negociar un ERTE para todo o cadro de persoal. “O tempo esgótase”, advirte, para reprobar a continuación a Goberno galego e estatal que “non é o momento agora de seguir nesas dinámicas”.
Segundo recalca o portavoz nacionalista de Industria, o que se espera de ámbolos dous Executivos son “solucións”, polo que apela á súa colaboración para evitar a liquidación da planta. “Hai que elaborar un plan industrial e telo preparado para cando chegue o momento dende o punto de vista xurídico porque, senón, están condenando á xente a ser expulsada ao desemprego”, alerta.
Así, nas distintas iniciativas rexistradas na Cámara galega, propón que a Xunta promova -ademais dun foro estable de entendemento entre os Gobernos, os administradores actuais ou futuros da fábrica e os representantes das e dos traballadores- un Plan Industrial co Goberno estatal para que poida ser presentado no momento xurídico máis oportuno, un plan que para o BNG debe contar coa participación de ámbalas dúas administracións, “aínda que sexa dun xeito temporal, mentres o proxecto gaña estabilidade”, socios industriais solventes e competitivos e un provedor de enerxía “que garanta un prezo competitivo e estábel”.
Logo de que o administrador iniciase a tramitación do preconcurso e a negociación do ERTE, o deputado nacionalista advirte nas iniciativas parlamentarias que “o desenlace pode acelerarse e non sería de recibo que aqueles que apadriñaron aquela solución queiran desentenderse”. “Cómpre unha vontade decidida por parte dos Gobernos para salvar a fábrica, a comezar por outra actitude, por exercer un liderado proactivo na procura de socios industriais e no deseño dun plan industrial”, conclúe.