BNG advirte que a sentenza do TSXG que anula a autorización do parque eólico Campelo irá acompañada doutras decisións xudiciais contra a política “eólica depredadora” da Xunta
Luís Bará pediu ao goberno galego que rectifique e non persista no incumprimento da lei para beneficiar a grandes empresas e “portas xiratorias”
Cualifica de “fiasco” a política eólica da Xunta, trufada de “irregularidade e sombras” e pide depurar responsabilidades políticas
O deputado do BNG, Luís Bará advertiu á Xunta que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TXSG) que anula a autorización administrativa previa e de construción do parque eólico Campelo, irá acompaña doutras sentenzas contra o modelo do goberno galego centrado en beneficiar ás grandes eléctricas e “as portas xiratorias”.
Na defensa da iniciativa sobre as actuacións que debe emprender a Xunta, tras a anulación xudicial do parque eólico Campelo, promovido por Greenalia, Bará recalcou que a mencionada sentenza non será a única contra o “fiasco” da política eólica do goberno do PP, trufada de “irregularidades e sombras” entre as que destacou “as portas xiratorias” de Greenalia, empresa favorecida pola Xunta na tramitación da planta de Teixeiro e de parques eólicos ao que engadiu “o cambiazo” do plan industrial Campelo.
O deputado tildou de “sombras” a entrada de especuladores e oportunistas como constata a venda de 182 MW por parte de Greenalia a unha multinacional francesa, “proxectos eólicos aprobados pero sen construír”, dixo.
Por outra banda, indicou que a tramitación da Xunta está sendo “irregular” con cambios legais para favorecer os intereses de grandes empresas e “ vulnerando a propia lei” como confirma a sentenza do TSXG, feita pública o pasado 1 de xuño. Un proxecto situado entre os concellos de Coristanco e Santa Comba.A sentenza é “contundente e demoledora” para o Partido popular e só cabe preguntarnos que “máis ten que pasar” para que o goberno asuma responsabilidades.
Dende o BNG, afirmou o nacionalista, consideramos que é motivo suficiente para depurar responsabilidades políticas e patrimoniais e “alguén terá que facer fronte ao erario público ante estas sentenzas”.
A sentenza representa unha emenda á totalidade á política eólica do PP
O modelo do PP, recalcou o deputado do BNG, “é irregular e ilegal” como constata, de maneira reiterada o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza con sentenzas contrarias a diversos proxectos e reprobou que “o goberno galego despois de vulnerar a lei volva a iniciar unha nova tramitación”.
“Paren os proxecto porque vai a producirse unha avalancha de sentenzas” e a xustiza seguirá anulando as autorizacións. Asuman as responsabilidades políticas e paren “esta desfeita”. Non fagan máis dano ao sector eólico e rectifiquen o seu modelo.
O parlamentario nacionalista lamentou que, unha vez máis, o PP siga “facendo contorsionismo argumental ” para xustificar un modelo eólico cuestionado pola xustiza e socialmente.
Resulta grotesco que o PP persista en manter un modelo amplamente rexeitado e non amose a máis mínima mostra nin intención de rectificar. Tampouco esta disposto a asumir responsabilidades e isto, dixo, só fai que nos preguntemos, “que máis ten que pasar para que cesen aos responsables e paren os proxectos eólicos, que a todas luces, serán anulados por sentenza xudicial porque son irregulares e vulneran a lei”, concluíu.