BNG advirte que a Lei de Memoria Democrática pode ser oportunidade perdida para facer xustiza coas vítimas do franquismo
Rego lamenta que PSOE e Podemos non acepten a derrogación dos artigos 2 e) e f) da Lei de Amnistía, a restitución dos bens espoliados ou a declaración do Pazo de Meirás como 'Lugar de memoria'
A frente nacionalista recoñece os avances que recolle o texto, mais reclama que realmente se poñan fin á impunidade do franquismo para asegurar verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición e espera que aínda sexa posíbel antes da aprobación definitiva
A Lei de Memoria Democrática irá previsibelmente a debate e aprobación no Pleno do Congreso na próxima quinta feira, 14 de xullo. Nesta segunda (4) debátese na Comisión. O deputado nacionalista, Néstor Rego, advirte que, se non se mudar o texto -e a pesar dos avances que recolle- pode ser unha oportunidade perdida para realmente acabar coa impunidade do franquismo e facer xustiza coas vítimas. Rego lamenta que os partidos do Goberno non aceptasen as emendas do BNG para a derrogación dos artigos 2 e) e f) da Lei de Amnistía, a restitución dos bens espoliados ou a declaración do Pazo de Meirás como 'Lugar de memoria'.
Entre as cuestións que a frente nacionalista considera positivas están que se declare a ilegalidade do franquismo e por tanto dos consellos de guerra tribunais e xuízos así como a nulidade das súas sentenzas; a definición de vítima do franquismo e a creación dun censo; que se elabore un mapas de fosas e que o Estado se faga responsábel da procura de desaparecidos e das exhumacións; que se cree un Banco de ADN; que se prevexa o estudo obrigatorio da memoria histórica no ámbito educativo; que se incorpore a memoria das mulleres, e mesmo que se inclúa-por proposta do BNG conxunta con outras forzas soberanistas- a persecución das linguas e culturas das nacións que conformamos o Estado.
Con todo, para Rego, falta unha cuestión básica para realmente acabar coa impunidade do franquismo e facer xustiza ás vítimas, a derrogación dos artigos 2 e) e f) da Lei de Amnistía. “PSOE e Podemos pretenden que isto se resolve recollendo que esta lei debe ser interpretada ao abeiro do dereito internacional e dos acordos e pactos asinados, como a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Porén, iso xa está recollido no artigo 10.2 da Constitución española e non deu lugar a nin un só caso de investigación dos crimes do franquismo nos últimos 44 anos. Temos xa a constatación, por tanto, de que esta formulación non serve para facer xustiza ás vítimas”, sinala o deputado.
Néstor Rego tamén lembra que no mes de marzo foi debatida no Pleno do Congreso unha Proposición de Lei do BNG e outras forzas soberanistas para modificar o Código Penal, lei de carácter orgánica, co obxectivo de garantir sen ningún xénero de dúbidas o acceso á tutela xudicial efectiva e asegurar o cumprimento do principio de legalidade internacional que permitise investigar os delitos de xenocidio e crimes de lesa humanidade cometidos durante a ditadura franquista. “O PSOE votou en contra, xunto con VOX e o PP, deixando claro que non teñen interese en que isto se produza”.
Para o BNG, esta é unha cuestión básica, que vai determinar realmente se a Lei fica ou non á altura das expectativas xeradas de facer efectivos os principios de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición. “Infelizmente, parace que PSOE e Podemos non están dispostos a dar ese paso. Esperamos que a presión política e social das asociacións memorialistas aínda permita que muden de posición”, salienta Rego, que tamén fai referencia a que non se incorpore a devolución do patrimonio incautado cando isto sexa posíbel (e non só o 'resarcimento') ou a responsabilidade da empresas (e por tanto a compensación debida) no traballo escravo dos presos políticos.
Aliás, os partidos do Goberno rexeitaron a emenda do BNG para declarar o Pazo de Meirás como 'Lugar de Memoria'. “Isto resulta absolutamente inexplicábel, porque é indiscutíbel a potencia simbólica do pazo e da loita cívica pola súa recuperación, que resultou vitoriosa”, subliña Rego, “máis aínda tendo en conta que esa declaración se fai co Forte de San Cristóbal, en Navarra -o que nos parece ben- e se cede o Palacio de la Cumbre ao Concello de Donostia para destinalo a centro de memoria. Resulta incomprensíbel a insensibilidade de PSOE e Podemos coa loita do pobo galego por recuperar Meirás”.
Néstor Rego salienta que a avaliación que fai o BNG do estado actual do texto da Lei de Memoria “está en sintonía” coa realizada pola maioría das asociacións memorialistas do noso País e do Estado, como é o caso da Coordinadora Estatal para o Apoio á Querela Arxentina (CEAQUA), e agarda que aínda sexa posíbel mellorar a lei antes de que chegue ao Pleno “para que non se converta nunha nova oportunidade perdida para acabar coa impunidade do franquismo e facer xustiza coas vítimas”, enfatiza o deputado nacionalista.