BNG advirte que o Goberno do Estado terá que aumentar o investimento na Galiza
Néstor Rego lembra que é preciso recuperar o déficit histórico do noso País, especialmente en infraestruturas e servizos ferroviarios, modernizando a rede interna e implantando o servizo de 'Cercanías' nas áreas urbanas
A frente nacionalista avisa de que os Orzamentos do Estado non poden continuar discriminando o noso País porque iso afecta negativamente a calidade de vida e benestar de todos os galegos e galegas e comprométese a colocar a Axenda Galega sobre a mesa de forma permanente
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, advirte que na lexislatura que agora se inicia, o Goberno do Estado terá que mudar radicalmente a liña que marcaron os tres últimos Orzamentos do Estado, de discriminación ao noso País, e aumentar de forma significativa o investimento na Galiza. Trátase de atender as necesidades do presente, recuperando tamén o déficit histórico en investimentos en infraestruturas, equipamentos e servizos, especialmente no ámbito ferroviario.
O deputado nacionalista lembra que o investimento na Galiza caeu dos máis de 2000 millóns de euros en que se situou nos anos 2008, 2009 e 2010 -cando os votos do BNG eran decisivos para aprobar os Orzamentos do Estado- até menos de 1000 millóns en 2018 (936 m €) e 2021 (834 M €) e que se situou neste 2023 en 1072 millóns. “Estamos falando de investimentos claramente insuficientes, que non se podem xustificar -como por veces fixeron os partidos estatais- pola finalización das obras do AVE. Primeiro porque estas aínda non acabaron -a chamada Variante de Ourense, valorada en 487 M€, só ten orzamentados 35 M€- e segundo, porque para a maioría da poboación galega o fundamental é a rede viaria e ferroviaria interna, para resolver as necesidades diarias de mobilidade”, sinala.
Rego apunta a necesidade dun impulso decisivo ás infraestruturas viarias e ferroviarias, modernizando a rede ferroviaria interna e implantando os servizos de proximidade (as 'Cercanías' de RENFE) nas áreas urbanas e metropolitanas da Galiza. “Este é un exemplo claro de discriminación do noso País, porque non hai no Estado Español ningún outro caso de áreas urbanas de máis de medio millón de habitantes -como as da Coruña e Vigo- que non teñan 'Cercanías', e isto ten que mudar porque estamos falando dun servizo esencial para mellorar non só a mobilidade, senón tamén a calidade de vida das persoas que viven nesas áreas”, salienta o deputado nacionalista.
“O BNG aposta claramente polo ferrocarril como un modo de mobilidade eficaz, eficiente e sustentábel. Nesa liña, son precisas actuacións chave para a modernización da nosa rede ferroviaria interna, especialmente para completar o eixo atlántico até Ferrol polo norte -co By-pass de Betanzos- e até Tui-Valença polo sur, mais tamén para mellorar as comunicacións co interior, por exemplo estudando a conexión de Santiago con Lugo”, subliña Néstor Rego.
Con todo, o deputado destaca que a Axenda Galega incorpora cuestións que, para alén das infraestruturas, teñen a ver coas políticas sociais, coa atención á crise industrial do noso País, con políticas ambientais e de freo ao espolio enerxético que padecemos ou con reforzar a capacidade de autogoberno. “Nós, como sempre fixemos mais agora con máis capacidade, comprometémonos a colocar a Axenda Galega sobre a mesa de forma permanente. O Goberno do Estado non pode continuar discriminando o noso País porque iso afecta negativamente a calidade de vida e benestar de todos os galegos e galegas. O papel do BNG será determinante para conseguilo”, enfatiza Rego.