BNG advirte que o cambio nas normas de habitabilidade rebaixará a calidade das vivendas e favorecerá o uso turístico
As modificacións feitas rebaixan as esixencias en iluminación e ventilación, permiten diminuír a altura mínima e elimina a extracción de fumes nas cociñas
Alexandra Fernández anticipa que os baixos convertidos en vivendas a pé de rúa serán ocupadas polas persoas con menos recursos ou destinadas a VUT
A deputada do BNG Alexandra Fernández defendeu na Comisión 2ª do Parlamento unha proposición non de lei para solicitar á Xunta que reconsidere e someta a debate a modificación das normas de habitabilidade que vén de aprobar e que, segundo advertiu, suporá unha rebaixa na calidade arquitectónica do parque de vivendas e afectará ademais ao modelo urbanístico de cidades e vilas do País.
A norma, que facilita a conversión de baixos comerciais en vivendas, supón unha flexibilización das condicións para a remodelación de inmobles residenciais. Segundo explicou a deputada, reduce as esixencias de iluminación e ventilación directa a través de espazos exteriores, elimina o apartado de salubridade para todas as remodelacións, deixa acurtar a altura mínima de 2,50 a 2,40 metros, elimina a extracción de fumes en cociña e fai posible, entre outras cuestións, que a estancia maior e outra máis ventilen e iluminen a través de patios de parcela ou de cuarteirón.
Alexandra Fernández anticipou que estes cambios farán que os baixos comerciais convertidos en vivendas a pé de rúa vaian ser ocupados maioritariamente por persoas con menos recursos ou destinados a vivendas de uso turístico, nas que que fan pernoctacións puntuais, “favorecendo un turismo de baixa calidade”.
“Esta norma -advertiu- é un grave retroceso en termos arquitectónicos e urbanísticos. Non resolver o problema de acceso á vivenda, senón que vai agravar a presión turística nas cidades e vilas. Non mellora as condicións de habitabilidade xeral do parque construído, senón que nos vai levar a vivendas de menos calidade”.
Para a deputada do BNG, o PP na Xunta adecuou a norma “ás necesidades do sector inmobiliario” sen medir as consecuencias en termos de calidade residencial e, especialmente, en termos urbanísticos, nun contexto no que a vivenda de uso turístico está presionando e copando o mercado, sobre todo nas cidades.
Alexandra Fernández sostivo, neste sentido, que a modificación das normas de habitabilidade para permitir a conversión de baixos en vivendas “é botar leña ao lume” ou, dito doutro xeito, “abrir as portas de par en par ante un fenómeno con moita capacidade de presión e fóra de toda planificación pública”.
A política do PP responde a un modelo “fracasado, superado e insostible dende o punto de vista ambiental, social e incluso económico”, afirmou. “Porque un centro histórico que xa expulsou aos seus habitantes, se ademais expulsa ao seu comercio, que ofrece?, preguntou.
Ao seu xuízo, os cambios feitos que nas normas de habitabilidade facilitarán o regreso ao proxecto urbano de posguerra “que proclamaba a cidade do automóbil e que favorecía a segregación e especialización urbana”, con barrios residenciais por unha banda e noutra contedores comerciais nos nós de comunicación. “Un modelo moi criticado e superado por propostas de modelos urbanos que favorezan os usos mixtos e compactos, a promoción dos desprazamentos a pé ou en bicicleta”, engadiu.
Sen pretender facer unha “oda” aos baixos comerciais, a deputada do BNG subliñou que estes forman parte dun modelo de cidade onde a rúa constitúe un espazo de relación pública e a planta comercial a ras de chan actúa como catalizador de actividade social e económica da cidade. Se ben recoñeceu que o modelo de cidade está a sufrir grandes cambios, advertiu do erro que supón “deixar que sexan as dinámicas especulativas de obtención de rendas as únicas que nos marquen o camiño”.
A proposta do BNG para a reconsideración dos cambios nas normas de habitabilidade foi rexeitada polo PP.