BNG advirte que é a caída da poboación activa, e non da parada, a que explica a leve mellora da EPA 2021 en Galiza
O BNG advertiu no Parlamento galego que a leve mellora dos datos EPA de 2021 respecto aos de 2020 non se debe ao medre da ocupación, senón á caída da poboación activa que ademais está a experimentar un constante e preocupante avellentamento.
Nunha pregunta parlamentaria sobre a valoración da Xunta da Enquisa de Poboación Activa correspondente ao pasado exercicio, o portavoz nacionalista de Emprego, Daniel Pérez, explicou que, se ben Galiza rematou o ano cun pequeno descenso no número de persoas desempregadas, este segue a ser inferior á media do Estado, o que deixa a recuperación do mercado laboral galego lonxe da estatal.
Pérez indicou que, tendo en conta a grave incidencia da pandemia sobre todos os marcadores macroeconómicos en 2020, a comparativa “realista e completa” da evolución do mercado de traballo no País é a do ano pasado en relación ao 2019, unha análise da que se desprende que o nivel de ocupación retrocedeu un 0,9%, “o que contrasta co Estado, onde si se recuperaron os niveis de ocupación previos á crise”.
Así, subliñou que a poboación inactiva subiu en 18.500 persoas mentres que a poboación activa descendeu en 12.900 e que, ademais desta caída, resulta preocupante o forte envellecemento da activa, con caídas en todas as franxas de idade salvo a que sube dos 55 anos e un descenso especialmente significativo na de até os 45 anos, con tres puntos menos en relación a 2019, situándose esta taxa por baixo da metade da poboación, concretamente no 48,9%.
“Isto significa que cada vez somos menos galegas e galegos en disposición de traballar e máis vellos”, advertiu, logo de reprobar a relación directa deste dato coa saída da xente nova do País na busca de mellores oportunidades laborais. “Perdemos músculo laboral para mover a produción agregada e, polo tanto, nivel de produtividade”, subliñou, para reprochar a continuación ao Goberno do PP a súa política propagandística, cunha lectura positiva da evolución do mercado laboral, cando a radiografía real di o contrario e confirma a ineficacia das súas políticas continuistas e a súa “cativa mentalidade, mesmo cunha pandemia polo medio, á hora de cambiar o paso e adoptar medidas de carácter estrutural”.
Neste sentido, insistiu na necesidade de actuar con urxencia ante problemas tan importantes como a temporalidade, a parcialidade da xornada, a estacionalidade, a precariedade ou a excesiva dependencia do sector servizos, “problemas todos eles que xa existían antes da pandemia e que esta non fixo máis que agravar, especialmente entre as mulleres e a xente nova”.
Así, o deputado nacionalista reprochou ao PP a súa inacción en materia de emprego ao longo dos últimos 12 anos e a súa incapacidade para adoptar “medidas de choque realmente efectivas para atallar os moitos problemas que ten o noso mercado laboral”. Nesta liña, recordou as propostas formuladas neste sentido polo BNG, con plans específicos dirixidos á mocidade ou ás mulleres; plans industriais para comarcas concretas, dende A Mariña a Ourense, pasando pola Costa da Morte ou Lugo, por citar algúns exemplos; ou estratexias vinculadas a sectores emerxentes e políticas activas de emprego para rachar coa precariedade ou a estacionalidade. “Propostas todas elas que se atoparon sempre co muro do PP, negando a realidade e a gravidade destes problemas”, concluíu.