BNG advirte que o porto mixto de Corcubión non estará listo ata dentro de 5 anos e a Xunta négase a comprometer prazos
O deputado nacionalista Daniel Pérez preguntou á Xunta no Parlamento galego pola súa previsión para a creación do porto compartido mixto de Corcubión para o que, dados o estado e os prazos das distintas fases administrativas, estimou que “en menos de cinco anos non será unha realidade”. Ante a pregunta do BNG na comisión parlamentaria de Pesca, a presidenta de Portos de Galiza preferiu non comprometer prazos ao respecto.
“En Corcubión e en toda a comarca non se entende que durante todos estes anos, 30 dende a primeira vez que se reclamou dende o goberno local, houbera este continuo deixar para o ano seguinte o inicio dunhas obras que son fundamentais”, reprobou, logo de recordar que estas instalacións resultan imprescindibles para o desenvolvemento económico da vila e dunha parte importante da Costa da Morte, porque permitirían impulsar tanto o turismo náutico e recreativo, como repotenciar o sector pesqueiro, que actualmente sofre un problema de espazos para fondeo seguro nesta ría.
“Mais tamén por un problema de seguridade, quizá o máis importante dos motivos que fai incomprensible que a Xunta non tivera acometido esta obra fai anos”, reprochou, para a continuación advertir da máis dunha ducia de accidentes provocados polos perigos da falla de abrigo do fondeadoiro ou ter que utilizar un bote auxiliar para acceder ás embarcacións cando hai mal tempo.
Pérez enumerou distintos casos que remataron con varios buques varados nas rochas, percances nos que, segundo recalcou, “houbo sorte porque non se produciron danos nin persoais nin medioambientais, aínda que si perdas económicas”, polo que subliñou a urxencia de contar co porto mixto dende o punto de vista da seguridade.
O deputado nacionalista criticou que esta infraestrutura aínda está a día de hoxe en fase de licitación do proxecto, o que supón xa de partida que non que queda de exercicio e nos correspondentes aos dous seguintes, 2022 e 2023, nin sequera se vai iniciar a obra do porto compartido. “Un exemplo máis do castigo ao que somete a Xunta á Costa da Morte coa súa falta de investimentos coma o deste porto”, recriminou, logo de recordar tamén o desmantelamento do tecido industrial da comarca sen que o Goberno do PP “levase a cabo políticas tendentes a frear esta sangría”.
“O porto mixto compartido de Corcubión é unha obra vital para o desenvolvemento económico da ría e dos seus concellos”, recordou á bancada popular na comisión parlamentaria de Pesca para concluír exixindo un compromiso inequívoco do Executivo galego co financiamento desta infraestrutura e co conxunto da comarca da Costa da Morte.