BNG advirte da ameaza que supón Altri para a declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade
A portavoz de Cultura do BNG, Mercedes Queixas, advertiu este mércores da “dobre ameaza” que suporía a instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei para o alto valor patrimonial, cultural e turístico do Camiño de Santiago. Por unha banda, asegurou, pode afectar á zona de amortecemento deste BIC e, pola outra, pode condicionar a declaración do Camiño como Patrimonio da Humanidade.
No transcurso dunha pregunta ao Goberno do PP na Comisión de Educación e Cultura, a deputada nacionalista considerou que “a conservación do valor cultural único das paisaxes naturais que os peregrinos contemplaron desde a Idade Media foi determinante para a declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1993”.
É por iso que alertou do risco que suporía Altri para o Camiño, pois a declaración da Unesco “podería quedar comprometida polo forte impacto de degradación paisaxística que implica instalar próxima á zona de amortecemento (área de protección arredor dos bens declarados patrimonio da humanidade) unha cheminea de 75 metros e outras 6 chemineas de evaporación de 60 m. de alto e 80 de ancho, cunha ocupación territorial de 10.000 metros cadrados cada unha”.
“Sería unha irresponsabilidade facilitar que isto sucedese no Camiño”, afirmou despois de subliñar que xa hai precedentes de monumentos que foron descatalogados pola Unesco por incumprir a declaración. “Pensa vostede que esta paisaxe con vistas á celulosa é a que procuran os peregrinos no Camiño de Santiago?, preguntou Queixas á directora xeral xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez..
A portavoz de Cultura do BNG aludiu na súa intervención aos estudos científicos que alertan sobre as consecuencias de macrocelulosa e, neste sentido, criticou ao Goberno do PP por intentar “deslexitimar” o informe elaborado polo Consello da Cultura Galega, que conclúe que Altri provocaría unha grave fractura no territorio. “Primeiro ignoraron este órgano estatutario ao non pedirlle informe e logo descualificaron o informe, aos propios membros do Consello e á propia institución”, declarou a deputada nacionalista.
Queixas lamentou ademais que o Executivo do PP empregase a TVG para “manipular a opinión pública, poñendo o director de informativos a ler o argumentario do PP en contra do CCG”, aínda que o “máximo desprezo” polo traballo científico técnico dos especialistas que asinan o informe deste órgano estatutario foi o do presidente da Xunta. “O señor Rueda falou mal do informe, descualificouno e, ademais, despois recoñeceu que nin sequera o leu. Fala por falar”, sostivo a deputada do BNG, que reprobou a “deslealdade institucional nin máis nin menos que dende a cabeza do goberno”.
Ao longo da súa intervención a portavoz de Cultura do BNG acusou ao PP de gobernar só en defensa “das empresas das portas xiratorias” como Greenalia, aliada de Altri no proxecto “depredador e espoliador” da macrocelulosa que, apuntou, é unha demostración máis de “até onde está disposto o PP a vender Galiza baixo a maquillaxe do greenwashing e a chantaxe dos postos de traballo fantasma e do futuro condicionado cheo de interrogantes”.