BNG advirte da afectación de vertidos contaminantes sobre o marisqueo nas rías galegas e de maneira reiterada na ría de Arousa
A portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez advertiu da gran afectación sobre o marisco polas verteduras contaminantes na rías galegas, sobre todo na ría de Arousa e reclamou medidas urxentes destinadas a corrixir esta situación.
A deputada lembrou que hai sete meses o BNG rexistraba no Parlamento galego unha batería de iniciativas referidas á denuncia presentada pola Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña no Xulgado de Instrución de Ribeira contra a empresa conserveira Jealsa, ubicada no lugar de Bodión, no concello de Boiro, por verteduras á ría de Arousa.
“A finais do mes de xaneiro tivo lugar unha nova vertedura na zona do Bodión, onde Jealsa ten as súas instalacións, que provocou, máis unha vez, unha cantidade de marisco morto que se conta por toneladas”, afirmou.
Tras a intervención da Directora Xeral de Augas de Galiza, Teresa Gutiérrez, a nacionalista preguntou por que actuou a Fiscalía de Medio Ambiente cando a Augas de Galiza afirma que os vertidos se reduciron considerablemente.
Ademais, engadiu, sabemos que a empresa conserveira Jealsa foi sancionada no ano 2020, 2021 e 2022 pero dende xuño a xaneiro producíronse máis de trinta vertidos denunciados polos veciños e veciñas. Neste sentido, preguntou si Augas de Galiza ten constancia de que as sancións serven para algo cando continúan a producirse vertidos contaminantes nas rías. Ademais das sancións, dixo, é necesario que as empresas sexan apercibidas para que modifiquen unha actuación incorrecta e que non se volvan a producir este tipo de verteduras.
“Si o goberno só sanciona e non pide máis responsabilidade, temos un problema importante”, advertiu a parlamentaria do BNG. Por outra parte, aludiu ao informe do mes de febreiro sobre a modificación da autorización de vertidos Jealsa que inclúe melloras de depuración”, esta modificación, a xuízo da nacionalista significa que con anterioridade non se aplicaron as medidas depuradoras necesarias por parte da empresa, como confirma unha das sancións por “suspensión de sólidos”.
A deputada recalcou que existen “poucas sancións e inspeccións” como confirma a propia Fiscalía de Medio Ambiente na súa denuncia cando afirma que non consta un “seguimento axeitado” nin “o exercicio de maneira adecuada da potestade.
sancionadora da Administración”. Noutras palabras, enfatizou a deputada, a Xunta de Galiza, diante das reiteradas verteduras ao longo dos anos na zona do Bodión, vén sistematicamente “mirando para outro lado” e , facendo caso omiso dos feitos e consecuencias e evitando actuar de oficio ou arquivando todos os expedientes, agás un, incoado por Augas de Galiza.
Rosana Pérez insistiu en que tampouco existen por parte do goberno, “advertencias á empresas para que isto non volva a ocorrer”.
Os veciños e veciñas da zona, mariscadores e mariscadoras, asociacións e a cidadanía en xeral, remarcou a deputada, “síntesen desprotexidos” e “non é de recibo” que dende as diferentes administracións defendan o coidado do medio ambiente e mesmo invistan miles de euros públicos en subvencionar a limpeza de ríos, praias e o mar das rías, mentres permanecen impasíbeis diante de prácticas que poñen en risco a riqueza natural e principal actividade da ría de Arousa.