BNG adquire dez compromisos estratéxicos con Galiza para defender no Congreso a través dun grupo galego forte
Ana Pontón: “Nun escenario no que cada voto conta, o BNG vai utilizar a súa representación en Madrid para que se atenda a axenda galega”
Un decálogo de cuestións clave para o País en materia de infraestruturas, enerxía, investimentos, competencias e benestar social e liberdades
A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou esta mañá un decálogo de asuntos estratéxicos sobre os que se compromete ante a cidadanía a defender no Congreso a través dun grupo galego forte e colocando os temas de País na axenda do Estado. A presentación tivo lugar en Santiago de Compostela, na que estivo acompañada dos cabezas de lista do Bloque ao Congreso polas catro provincias: Néstor Rego (A Coruña), Daniel Castro (Lugo), Noa Presas (Ourense) e Carme da Silva (Pontevedra).
“Nun escenario no que cada voto conta” apuntou, “o BNG vai utilizar a súa representación no Congreso para que se atenda a axenda galega”. Tal e como explicou a portavoz nacional, a representación do BNG na cámara baixa servirá para conseguir máis investimentos, máis competencias e máis compromisos do Estado con Galiza -en definitiva- para empoderar Galiza en Madrid, e para frear o risco de involución democrática que suporía un goberno das dereitas.
Neste sentido, destacou que “os deputados e deputadas do Bloque van ser decisivos para indicar cara onde se inclina a balanza”, deixando claro que “o BNG estará do lado de Galiza para conseguir melloras en infraestruturas, enerxía, investimentos públicos, competencias e benestar social e liberdades”. “Deste xeito”, asegurou, “poremos en primeiro plano temas e compromisos como os que hoxe presentamos neste decálogo”.
O primeiro deles céntrase nunha AP-9 galega e libre de peaxes mediante a súa transferencia a Galiza. Despois de conseguir unha rebaixa histórica nas peaxes, o BNG volverá reclamar a xestión directa desta vía central para o País, caducada pola “inacción do PP e PSOE cando se trata de defender Galiza”.
O segundo, solicita que o Goberno español garanta servizos públicos de calidade para as persoas de máis idade dependentes e con discapacidade, outorgándolle a Galiza os 200 M€ que lle debe nesta material.
O terceiro dos puntos do decálogo de compromisos pon no centro a mellora nos transportes públicos e conexións dignas no interior do País. “Estamos a falar da reconstrución dos viadutos da A-6, da transferencia á Galiza e bonificación da peaxe da AP-53, da electrificación e modernización das liñas de tren (A Coruña-Ferrol e Lugo-Coruña), da saída Sur de Vigo, da redución do prezo do billete de tren no eixo Ourense-Santiago-A Coruña, ou da implantación das Cercanías nas áreas urbanas e metropolitanas” indicou a líder nacionalista.
A cuarta consideración xira arredor dunha transición enerxética xusta para os galegos e galegas. “Precisamos unha tarifa eléctrica galega para abaratar a factura de familias e empresas” urxiu Pontón, lembrando tamén temas como “un concurso de transición xusta para Meirama e As Pontes, un plan con criterios de servizo público para pór fin á especulación das grandes eléctricas, recuperar as garantías ambientais e a participación cidadá na implantación de proxectos eólicos e, por suposto, o descarte da eólica mariña na costa galega”.
Creación de xulgados de violencia machista
A creación de xulgados exclusivos de violencia machista en Lugo, Ourense, Compostela, Ferrol e Pontevedra ocupa o quinto punto, mentres que o sexto se fundamenta en vidas dignas para as persoas. O sexto punto está dedicado a medidas como o incremento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e a pensión mínima até situalos no 60% do salario medio, o fortalecemento do sistema público de pensións, a recuperación da xubilación ordinaria aos 65 anos e a parcial aos 61 anos ou a transferencia a Galiza do Ingreso Mínimo Vital (IMV) para garantir unha xestión máis áxil e adecuada á realidade galega.
Dentro do sétimo punto, que pon no centro os dereitos e liberdades, atópanse a derrogación real da Lei Mordaza, o recoñecemento das Nacións do Estado, e a derrogación do artigo 2.e) e f) da Lei de Amnistía para acabar coa impunidade do Franquismo, así como a devolución dos bens espoliados polo réxime franquista.
Calendario de transferencias
O oitavo punto do decálogo de compromisos ocúpao o calendario de transferencias a Galiza. Dentro desta proposta atópase a solicitude de 35 novas competencias para a Galiza en ámbitos como ordenación do territorio e infraestruturas; tráfico, seguranza viaria e seguranza pública co despregamento da policía galega; campo laboral e socio-asistencial; educación e investigación; sectores produtivos; enerxía; lingua, cultura e patrimonio; e ámbito de representación institucional.
A importancia do incremento do investimento en Galiza até acadar os 2.000 M€ anuais está contemplado no noveno punto do decálogo. O BNG fará valer o seu peso para negociar orzamentos que acaben coa discriminación á Galiza e corrixan a débeda do Estado cos galegos e as galegas.
Finalmente, en décima posición atópase o reclamo dun porto exterior da Coruña libre de débedas. “O Estado debe asumir o custe desta infraestrutura e os terreos do porto interior deben pasar a ser propiedade da cidade. Os portos doutros territorios recibiron 5.000 millóns de euros do Estado, con PP e PSOE. O BNG esixirá o mesmo trato para Galiza”, reivindicou Pontón.
Unha candidatura galega coas mans libres
Pontón fixo tamén alusión a que “o voto útil galego o próximo 23 de xullo é o voto ao BNG”. “Non é máis útil para os galegos e as galegas ter 3, 4 ou 5 representantes do BNG en Madrid, para negociar e condicionar en favor da sociedade galega, que 23 atados de pés e mans ás forzas estatais?”, preguntou a líder nacionalista.
Manifestou tamén que o BNG conta para este 23X “cunha candidatura formada por persoas con compromiso, con capacidade de traballo, con experiencia, con coñecemento e solvencia nos temas que son centrais para a defensa dos intereses galegos”.
“Fronte a partidos estatais centralistas que colocan as súas decisións ao servizo das ordes madrileñas, o BNG vai poñer Galiza na axenda do Estado cun grupo galego forte en Madrid”, subliñou. Por iso, indicou a necesidade de “cambiar o servilismo e a subordinación por unha política responsable, leal, esixente e construtiva a favor de Galiza” e recalcou que “o BNG é a única candidatura coas mans libres para defender os intereses dos galegos e as galegas”.
“A candidatura do Bloque é a única garantía de avanzar en autogoberno real”, indicou. “De conseguir unha representación forte e propia en Madrid depende que poidamos negociar a favor dos nosos intereses en todos os temas de máxima relevancia para o presente e o futuro de Galiza”, concluíu.