BNG acusa á Xunta de tomar o pelo á cidadanía ourensá no procedemento da compra de parcelas do edificio administrativo
O deputado nacionalista Iago Tabarés acusou ao Goberno galego no Parlamento de someter á cidadanía de Ourense a “unha tomadura de pelo continua” coa súa “política de anuncios” na dotación de infraestruturas necesarias para a cidade que logo tarda décadas en executar, tal e como exemplificou coa compra de parcelas para o comprometido edificio administrativo da Xunta, procedemento do que dixo “existen serias dúbidas da súa legalidade e da súa eficiencia na xestión dos recursos públicos”.
Logo de recriminar ao secretario xeral técnico de Patrimonio da Consellería de Facenda a súa falta de respecto ao Parlamento galego e, sobre todo, á cidadanía ourensá por non responder, unha vez máis, ás preguntas formuladas polo BNG, Tabarés cuestionou, primeiro, canto pagou anualmente a Administración galega en concepto de alugueres desde 1999 para dependencias administrativas, a quen e en base a que contratos e, en segundo lugar, cal foi o proceso seguido para a adquisición, cun orzamento de 8,4 millóns, das parcelas do barrio das Lagoas para o citado edificio administrativo.
Neste sentido, insistiu no dereito dos ourensáns e ourensás a coñecer cando se decidiu a adquisición desas parcelas, se existiron máis ofertas, se a Xunta realizou taxación previa dos terreos tal e como obriga a lei e, de ser así, quen a fixo e por que importe, así como quen foi o vendedor, con quen se realizou a negociación e se o Concello de Ourense era coñecedor da operación e xa se tiña pactado o desenvolvemento urbanístico da zona.
O deputado nacionalista apelou ao alto cargo da consellería de Facenda advertindo que “existen dúbidas sobre o procedemento que puideron seguir polo que agardamos aclare as nosas dúbidas, que son as dúbidas da cidadanía”, aínda que non obtivo respostas concretas ás cuestións formuladas, como tampouco recibiu aínda o expediente da operación, solicitado na Cámara en virtude do artigo 9º e que, segundo recalcou, “xa venceu con creces o prazo máximo legal para que o remitan a este grupo parlamentario, polo que seguen incumprindo a lei”.
O deputado nacionalista por Ourense subliñou que a construción dun edificio administrativo que centralice todas as dependencias administrativas –segundo engadiu, “espalladas en 20 inmobles dos que moitos non reúnen as condicións de seguridade e salubridade para os e as súas traballadoras”- é unha infraestrutura que a cidade necesita dende hai décadas e que tal e como acontece con moitas outras na cidade leva sendo comprometida anos e anos sen que aínda a día de hoxe sexa unha realidade. “Mais queremos saber se seguiron o procedemento establecido ou estamos en presenza dunha nova chapuza para beneficiar a alguén”, concluíu.