BNG acusa á Xunta de “reincidente” e vulnerar a lei por permitir que menores de 12 anos asistan a espectáculos taurinos da Pascua en Padrón
Iría Carreira cualificou de “irrisoria” a multa de 300 euros á empresa organizadora e reprobou que a Xunta non cumpra a lei de protección de menores
A deputada do BNG, Iria Carreira acusou á Xunta de “reincidencia”, a pesar das denuncias pola presenza de menores de 12 anos nos espectáculos taurinos organizados nas Festas da Pascua 2022 na localidade de Padrón.
A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, e tras amosar diferentes fotografías con menores e mesmo cun bebé no colo nas gradas preparadas para o festexo taurino, a deputada do BNG preguntou se existe algunha denuncia, identificación ou atestado e si por parte do goberno foi iniciado algún expediente sancionador.
Iria Carreira lembrou que no pleno do concello de Padrón, o 24 de setembro de 2015 o BNG defendeu unha moción declarando que o Concello de Padrón é contrario á celebración de festexos taurinos e cominando ao concello a non participar, de maneira directa ou indirecta, neste tipo de festexos, ademais de non promover a súa celebración. Este acordo, aprobado polo pleno, foi notificado á Xunta de Galiza e buscaba a fin desta actividade cruenta cos animais pero unha vez máis, criticou a nacionalista, e a pesar das palabras do alcalde e o seu compromiso de non permitir máis touros en Padrón, todo ficou nunha declaración de intencións e na programación e nas Festas de Pascua do ano 2022 volvían a ter presenza os espectáculos taurinos.
A Xunta vulnera a lei de protección de menores
Por outro lado, a deputada tamén se referiu a lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas que recolle no seu artigo 16 “a protección das persoas menores de idade e a prohibición de acceso aos espectáculos taurinos ás persoas menores de 12 anos”.
En febreiro de 2018, Explicou Carreira, o Comité dos Dereitos do Neno e da Nena emitiu as súas recomendacións a respecto do cumprimento da Convención sobre os Dereitos do Neno da Organización das Nacións Unidas, ratificada polo goberno estatal. Nestas recomendacións figura que "co fin de previr os efectos nocivos da tauromaquia en nenos, o Comité recomenda que o Estado prohiba a participación de nenos menores de 18 anos como toureiros e espectadores en corridas de touros". Sen embargo, no primeiro cartaz dos festexos taurinos publicitaba a entrada xeral a 10 euros e nenos e nenas até 10 anos gratis.
No mes de xaneiro podíamos ler nos medios de comunicación a multa de 301 euros a empresa promotora da capea a que asistiron menores. A parlamentaria do BNG preguntou se esta é a consideración que ten o PP da “protección da infancia”
A xuízo da deputada, o máis grave é “a reincidencia” da Xunta de Galiza e a permisividade ante a celebración de novos eventos taurinos na Festa da Pascua de Padrón do 2023. “O alcalde volve a contradicir o acordo plenario de 2015 e volve a haber un novo anuncio de festexo taurino en Padrón. Volvemos a abrir o facebook do concello de Padrón e que pasa? Novamente vemos nenos sentados nas gradas. E vemos como o Partido popular e o concello “promociona o seu festexo aínda que vulnere a lexislación vixente”.
Para a deputada, este tipo de espectáculos busca a promoción de tradicións foráneas como as capeas, touradas, tentadeiros e outros eventos de maltrato animal que “nada teñen que ver coa nosa realidade cultural” pero o Partido popular “segue empeñado” en importar este tipo de eventos financiando reiteradamente a súa organización e en contra da protección da infancia e cunhas sancións irrisorias por vulnerar a lei.