BNG acusa á Xunta de “ocultar información” sobre a contaminación por mercurio dos terreos de ENCE-ELNOSA e pide “medidas inmediatas” para protexer á poboación e a ría
Luís Bará denuncia “vulneración dos dereitos” dos deputados e deputadas e avanza que de non ser remitida a información, o BNG reclamará na propia consellería os informes
Salienta que o director de ENCE confirma que os índices de contaminación superaran os límites establecidos por lei
A través dunha proposición non de lei debatida na comisión de Medio Ambiente sobre a contaminación por mercurio dos terreos de ENCE e ELNOSA e as medidas previstas polo goberno galego, o deputado do BNG, Luís Bará afirmou que a Xunta está máis preocupado por “ocultar e tapar a información” que por dar unha resposta á alarma social creada tras coñecer un informe do director de ENCE no que afirmaba que os índices de contaminación superaban os establecidos por lei e afectaban as augas superficiais e subterráneas.
A Xunta, explicou o nacionalista , ten un prazo para remitir esta información e de non facelo, avanzou “o BNG comparecerá na consellaría para reclamar os informes”. Estamos fartos e fartas de que sexan “vulnerados os dereitos dos deputados e deputadas” e que Xunta non remita ao Parlamento galego a información.
Bará reiterou que, a día de hoxe non foi enviado “ningún” dos informes solicitados e urxiu á Xunta a adoptar “medidas de carácter inmediato” para dar resposta á alarma social.
O nacionalista lembrou que nun escrito do director da fábrica de ENCE, enviado á dirección xeral de Calidade ambiental no mes de febreiro, aludía ás analíticas advertindo de índices de contaminación que superaban os establecidos por lei e que afectaban aos terreos das fábricas de ELNOSA e ENCE ademais das augas superficiais e subterráneas.
ENCE ten que saír da ría de Pontevedra
Segundo a propia ENCE, afirmou Bará, a contaminación está relacionada cos proxectos de desmantelamento da antiga fábrica de ELNOSA que até os anos 2000 formaba parte da mesma empresa sendo a encargada de subministrar o cloro para o branqueo da pasta de celulosa. Para o deputado, estamos “pagando as consecuencias dunha localización inadecuada do complexo industrial”, dende os anos 60 que fan necesaria a súa saída da ría de Pontevedra.
No devandito escrito, engadiu Bará, o director de ENCE afirma non comprender como non foron tomadas as medidas de contención da contaminación para evitar a afección do solo colindante e as augas subterráneas, ante uns resultados “cada vez máis elevados” e moi dispares dun día a outro dende que comezaron as obras de desmantelamento de ELNOSA.
Con respecto as obras remarcou que a Xunta é a responsable do control dos solos e de informar ao concello de Pontevedra, aos concellos afectados e a veciñanza. A realidade é que non se produciu tal información, e a Xunta, en todo este tempo “non dixo nin pío”.
Hoxe, casualmente e coincidindo co debate desta proposición, chegou un escrito ao concello de Pontevedra, de catro páxinas, sen ningunha mención as analíticas, informes. O deputado cualificou este proceder de “falta de respecto institucional e á poboación que está preocupada”.
A proposición nacionalista para informar ao parlamento sobre os riscos pola contaminación por mercurio, elaborar un plan de vixilancia e control do solos do complexo industrial e poñer en marcha medidas urxentes para protexer á poboación e os bancos marisqueiros, foi rexeitada polo Partido popular.