BNG acusa á Xunta de impoñer na FP un “modelo de baixa calidade, discriminador e excluínte”
A deputada do BNG Mercedes Queixas acusou hoxe á Consellería de Educación de querer impor na Galiza un modelo de FP “de baixa calidade, discriminador e excluínte” a través dunha reforma que, advertiu, vai ademais favorecer ao ensino privado en detrimento do público e tamén vai prexudicar á formación en igualdade de xénero “nunha deriva discriminatoria das mulleres e antifeminista”.
Durante unha pregunta no Pleno da Cámara ao conselleiro de Educación, Queixas advertiu contra os efectos dunha reordenación da FP “imposta unilateralmente, improvisada a fin de curso e sen diálogo coa comunidade educativa”. Lembrou, neste sentido, que os plans da Xunta pasan pola supresión de preto de 2.000 prazas presenciais nos ciclos formativos (624 en ordinarios e 1.119 en modular presencial, segundo datos da propia web da Consellería).
“Pódese aprender a pintar a carrocería dun coche a distancia?”; “Pódese aprender a distancia unha manobra de reanimación por atragoamento?”, preguntou durante a súa intervención a parlamentaria, que advertiu ademais de que a pandemia xa deixou claro que “a casa non é unha escola, nin un computador é un profesor” e que o ensino a distancia “non garante unha boa calidade educativa nin o éxito escolar nin moito menos o acceso en igualdade e equidade”.
“O alumnado non son números nin fantasmas, e un profesor non é nin youtuber nin un instagramer”, salientou Queixas, que esixiu á Xunta que garanta que o alumnado matriculado na modalidade presencial (na oferta ordinaria ou na de adultos) poida rematar na mesma os seus estudos no canto de ser obrigados a matricularse a distancia .
Mercedes Queixas reprobou ao conselleiro por eliminar prazas da oferta pública ao tempo que as autorizan e concertan na privada. “Entregan a caixa rexistradora dos fondos públicos ao control do sector privado”, censurou, ao tempo que acusou ao conselleiro de ocultar os datos da oferta autorizada na FP privada e na privada sostida con fondos públicos.
A deputada do BNG criticou, por outra banda, o tufo antifeminista e contra a igualdade da reforma, “propia dun talante autoritario”, da FP. Referiuse así a eliminación en Galiza de toda a oferta presencial dos estudos de Promoción de Igualdade e naqueles ciclos máis feminizados, “dificultado -subliñou- o acceso á formación e a inserción laboral das mulleres”. “Actúan como a ultradereita máis reaccionaria!”, espetou a nacionalista.
Queixas lamentou o dano das políticas da Xunta ao sistema público educativo galego, até o de agora “recoñecido -apuntou- por ofrecer unha Formación Profesional de alta calidade” grazas aos investimentos dos últimos anos, nomeadamente procedentes de fondos europeos, e ao compromiso do profesorado, “capaz de soportar os desafíos da administración galega”.