Parlamento Galego

O BNG acusa á Xunta e a Feixóo de “non facer os deberes contra a corrupción"

Luís Bará
Luís Bará reclama o apoio do Parlamento para crear  “fiscalías anticorrupción” con medios humanos e  materiais da Administración de Xustiza

O deputado do BNG, Luís Bará rexistra unha batería de iniciativas con propostas recollidas do estudo do Consello de Contas e denuncia  “a inacción” do presidente Feixóo e da Xunta na loita contra a corrupción.

Para o deputado, o referido informe confirma que  Xunta de Galiza está “en cueiros” en materia de prevención e control da corrupción porque  non fixo “practicamente nada” en catro anos, e agora,  coincidindo cun novo período preelectoral, a Xunta e Feixóo  pretenden erixirse en campioa da loita contra a corrupción.

Neste sentido, o BNG reclama  o apoio do parlamento para crear “ fiscalías anticorrupción dotándoas de medios humanos e materiais da Administración de Xustiza”.

Para deputado do BNG, é preciso  aprobar unha estratexia global de prevención e loita contra a corrupción, e como  medida prioritaria,   “crear unha oficina de denuncias como medio para comunicar situacións relacionadas coa corrupción e a integridade”, así como  regular os dereitos que configurarían un estatuto do denunciante. O BNG tamén  propón crear  un “Comité de ética e un plan de formación sobre integridade e ética pública para todo o persoal da administración, incluíndo os cargos públicos e  accións formativas diferenciadas segundo as responsabilidades e funcións do persoal”.

O parlamentario do BNG lembra que no ano 2015 e nun contexto de corrupción xeneralizada protagonizada por institucións gobernadas polo PP, o presidente do goberno central, Mariano Rajoy, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, lanzaron unha “operación cosmética e propagandística” para supostamente converterse en adalides da loita contra a corrupción.

Como resultado daquela operación, presentouse un “rimbombante programa de impulso democrático” e aprobáronse normas  de “transparencia e bo goberno” que  finalmente resultaron, en opinión do deputado  “pura fachada, decorado de cartón pedra e  unha cortina de fume para enmascarar a opacidade, a propaganda, o veto á participación, e o uso partidista dos fondos públicos”.

O primeiro que chama a atención, engade Bará, son os escasos avances ao longo de case cinco anos e medio. O pasado 23 de decembro, en período navideño e sen  actividade parlamentar, o presidente do Consello de Contas fíxolle entrega ao vicepresidente da Xunta do “Diagnóstico dos sistemas de control interno e estratexia de prevención de riscos de corrupción na administración xeral”, correspondente ao exercicio de 2018. O “Diagnóstico” é o resultado dun traballo iniciado en xullo de 2018 en determinados centros seleccionados (tres consellarías e outros órganos que desenvolven funcións de carácter transversal). A este respecto, chama a atención que se tardase case ano e medio en facer públicos os resultados do estudo, denuncia o nacionalista.

PROPOSTAS DO BNG PARA LOITAR CONTRA A CORRUPCIÓN

Para loitar contra a corrupción, o BNG propón como primeiras medidas: Aprobar un Plan  de prevención, control e loita atendendo as recomendacións do Consello de Contas.

Reformar a lei de transparencia e bo goberno incluíndo plans de prevención de riscos da corrupción e crear  unha comisión interdepartamental encargada da coordinación e supervisión do sistema  e o seu cumprimento, así como  un órgano responsábel da integridade e prevención de riscos de xestión por centro.

Facilitar unha canle para comunicar situacións relacionadas coa corrupción e a integridade acompañado de medidas de seguridade para garantir a “confidencialidade da información e medidas de indemnidade para a protección dos denunciantes de boa fe.”

Na iniciativa, o  BNG tamén  propón crear un Comité de ética co obxectivo de coñecer e investigar as denuncias, implantar unha liña de denuncias específica de actos contrarios á ética e integridade institucional, e un procedemento para a investigación de actos contrarios á ética e  sancións polos incumprimentos.

 En relación coa formación, establecer un plan de capacitación e actualización como ferramenta ao servizo da sensibilización en integridade e ética pública dirixida de forma diferenciada aos distintos colectivos do persoal.