BNG acusa á Xunta de deixar en mans de tres empresas contratadas “a dedo” os proxectos galegos que optarán aos fondos europeos
A través dunha pregunta parlamentaria, a portavoz de economía do BNG, Noa Presas criticou que a Abanca que impide o crédito a PEMEs e autónomos, despide e pecha oficinas en todo o territorio galego, Naturgy, modelo de deslocalización de postos de traballo con SOGAMA “antítese” das directivas europeas para a reciclaxe e loita contra o cambio climático e REGANOSA sexan as empresas escollidas “a dedo” polo goberno galego para decidir os proxectos destinados aos fondos europeos.
Estas tres empresas, criticou a deputada, non son ningún “ modelo político nin económico”. Para a nacionalista, o goberno actúa con “aleivosía” ademais de resultar “escandaloso” que a Xunta contrate a empresas para que lle fagan os seu traballo e con total “opacidade” ante o temor a unha resposta social.
Presas volveu a reclamar a información sobre a entidade que decidirá os proxectos e reiterou que o Parlamento só coñece un listado de nomes sen especificar contidos nin cifras.
As tres empresas, reiterou, “non representan un modelo para a reactivación económica” e a Xunta, renuncia a exercer a súa maioría política deixando que goberne Galiza, o IBEX 35.
A deputada explicou que a crise de 2009 baleirou o sistema público de servizos, freou avance do carácter público de servizos como a sanidade e a educación e todo indica que a nova crise será o paso definitivo para “externalizar a administración pública e mesmo as funcións do goberno”.
Neste marco, engadiu, atopámonos cun novo “atropelo democrático” porque unha cousa é a colaboración publico privada e outra moi diferente é
o bloqueo do debate público e democrático, singularmente neste Parlamento, pero tamén noutros foros estatutarios coma o CES que están a ser ignorados. Vostedes, recalcou, Presas, substitúen á Xunta por unha empresa privada que vai “cortar o bacallau” no impulso dos fondos europeos.
A deputada anunciou que o BNG seguirá pedindo explicacións ante a opacidade da Xunta á que sumou tres comparecencias do Vicepresidente Conde que, ao seu xuízo, non aportaron ningunha información ao respecto e, a maiores, afirmou, agora estamos ante unha empresa privada que vai decidir os proxectos que se financiarán con fondos públicos. O PP acaba de crear “un chiringuito privado” que non fai máis que confirmar a axenda oculta do Partido popular.
Presas remarcou que o sector público cede funcións e cartos á iniciativa privada, inicialmente 5 millóns de euros, aos que sumou 2 millóns máis a través dunha modificación de gastos en diversas consellerías. “Todo un escándalo no fondo e na forma”, sentenciou a deputada.