BNG acusa á Xunta de “boicotear” o estudo integral da ría de Ferrol da Estación da Graña e bloquear así a súa rexeneración
Mon Fernández recrimina ao PP que bloquee a análise das causas da caída da produción marisqueira, situada nun 6% da que había hai 21 anos
“Sentarse a ver morrer a ría e mandar á xente a petar a outra porta tendo as competencias en marisqueo é un comportamento criminal”, afirma
BNG acusou á Xunta de “boicotear” a realización do estudo integral para determinar as causas da caída da produción marisqueira na ría de Ferrol, impedindo así o impulso e posta en marcha da rexeneración da ría, segundo denunciou o deputado nacionalista Mon Fernández no Parlamento galego.
Fernández defendeu na comisión parlamentaria de Pesca unha iniciativa para instar ao Goberno galego a asumir o custe deste estudo integral -que analice tamén o que acontece nos fondos mariños, onde se cría o marisco- e encargarllo á Estación de Bioloxía Mariña da Graña -pertencente á USC-, tal e como demanda o sector e recomenda o persoal investigador da propia estación.
O deputado nacionalista recriminou con severidade ao PP o seu veto a esta proposición non de lei: “é absolutamente escandaloso que boicotee o impulso e a posta en marcha da rexeneración da ría de Ferrol boicoteando a realización dos necesarios estudos para coñecer as causas dunha situación produtiva da ría que é de colapso”, censurou.
Neste sentido engadiu que esta situación tradúcese na “expulsión da xente do sector”, na mesma proporción que a redución da produción e que, segundo recalcou, é moito peor do que reflicten as cifras de permisos que xa son malas en si mesmas e que indican “unha baixada no marisqueo a pé ao 50% do que había hai 10 anos” e, cos cálculos que fixemos entre datos oficiais e os facilitados polas confrarías, que sitúan nun 10% a porcentaxe de persoas que están indo a traballar a diario.
“Nesta situación, manter os bloqueos á realización dos estudos, manter o boicot para que se poidan coñecer as causas da caída da produción, é un comportamento criminal”, asegurou, para esixir a continuación ao Goberno do PP que “mude radicalmente o seu comportamento e lidere as actuacións necesarias para impulsar a rexeneración da ría, a recuperación da produción marisqueira e a recuperación do emprego no sector”.
Para o deputado do BNG por Ferrolterra, “enrocarse e escudarse nun compromiso da Delegación do Goberno de hai anos ou, dito doutro xeito, sentarse a esperar contemplando a morte da ría e mandando á xente a petar na porta de enfronte, sendo vostedes titulares das competencias exclusivas en materia de marisqueo, é un comportamento criminal”, reafirmou.
Fernández incidiu na urxencia de “investigar que está a pasar” nuns bancos marisqueiros que se atopan nunha caída constante de produción dende hai 20 anos, tal e como reflicten, por exemplo, as capturas de ameixa babosa, cifradas en 2021 en 25.849 kg fronte aos 427.412 kg do ano 2000, o que representa apenas o 6% da produción que había hai 21 anos, segundo os propios datos oficiais da Administración galega recollidos na gráfica que empregou durante a súa intervención.
Neste sentido, criticou a insistencia “teimuda” do Executivo galego en que está a facer os seus deberes. “Ninguén nega que a Xunta fixo cousas; aí están as pontonas, as bateas para a depuración, os recheos e tamén as análises da calidade das augas; pero cal é o resultado deses deberes? Que temos unha produción marisqueira no 6% de hai 20 anos”, reprochou.
“Por que non queren facer un estudo integral da situación da ría indo tamén aos fondos mariños que é onde se cría o marisco? Non parece ningún disparate o que se está pedindo”, incidiu, logo de acusar ao Goberno do PP de ter “totalmente desesperado ao sector”. “Pídolles que reconduzan a situación, que asuman as súas competencias e que non se escuden nos incumprimentos ou na inacción doutras Administracións. Son vostedes titulares dunha competencia exclusiva, actúen dunha vez”, concluíu.