Parlamento Galego

BNG acusa o PP de retrasar a modificación do canon eólico para regalar millóns de euros ás enerxéticas

Xosé Manuel Golpe

As arcas públicas galegas deixarán de ingresar 1,5 millóns de euros tan só por media ducia de parques que teñen solicitada xa a súa repotenciación

Xosé Manuel Golpe: “É cando menos curioso que nunha lei na que se modifican pola porta de atrás cincuenta leis e decretos non haxa sitio para cambiar o canon”

O portavoz de Enerxía do BNG, Xosé Manuel Golpe, acusa o Goberno do PP de retrasar a modificación do canon eólico para  “regalar” millóns de euros ás empresas eléctricas que xa teñen solicitada a repotenciación dos parques eólicos instalados en Galiza. “Ímonos atopar cunha morea de parques eólicos que se están repotenciando namentres o canon que teñen que pagar polos aeroxeneradores segue sen modificarse, o que permitirá ás empresas aforrar moitos cartos”, denuncia.

Só por media ducia de parques que xa teñen solicitada a repotenciación as arcas públicas galegas deixarán de ingresar case 1,5 millóns de euros, advirte Golpe, que  reclama así á Xunta en mans do PP que acelere os cambios no canon, imposto que actualmente se calcula sobre o número de aeroxeneradores de cada parque. O BNG vén demandando dende hai tempo a súa modificación para  adaptalo aos avances tecnolóxicos que permiten reducir o número de muíños, o que fai que as empresas paguen menos.

A súa modificación urxe aínda máis agora porque, a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2025, a Xunta vai obrigar aos promotores a unha repotenciación.  “Iso non é malo, porque imos ter menos muíños moito máis altos”, explica Golpe, subliñando a “perversión” que implica que nesa mesma lei omnibus  non se modifique tamén o canon eólico, imposto que ten por obxecto contrarrestar os efectos visuais negativos dos parques de aeroxeneradores.

“É cando menos curioso que o PP non aproveite unha lei coa que se modifican pola porta de atrás ata cincuenta leis e decretos, coa que se vai cambiar o plan sectorial eólico,  para cambiar tamén o canon, deixando que as eléctricas sigan facendo caixa a costa dos recursos dos galegos e as galegas”, engade.

Segundo a análise feita polo BNG, a lo menos seis parques teñen en marcha xa a repotenciación. Trátase dos parques de Corme (concello de Ponteceso), Novo (Narón, Valdoviño e San Sadurniño), Somozas (As Somozas), Serra da Panda (Mañón e Ortigueira), Coriscada (Mañón e Ortigueira) e Muras (Muras, Ourol).

En conxunto, estes parques, promovidos entre outras empresas por Naturgy ou Iberdrola, pasarán de ter 271 aeroxeneradores a 41. Mantendo practicamente a mesma potencia instalada (en torno ao 154 kW) pasarán de pagar polo canon eólico 1.598.900 euros a 125.200, o que supón que a Xunta deixará de ingresar 1.473.700 euros.

Golpe lembra ademais que no ano 2009 se estableceron bonificacións ao canon por substitución parcial ou total dos aeroxeneradores por outros de maior potencia. Grazas a estas bonificacións, exemplifica, un parque eólico con 40 máquinas que inicie este ano a repotenciación substituíndo dez muíños por unha soa unidade non terá que pagar o canon.

O portavoz nacionalista de Enerxía critica, por outra banda, a “arbitrariedade máxima” que a Xunta pretende introducir a través da Lei de Acompañamento no plan sectorial eólico, o instrumento de ordenación do territorio que ten por obxecto ordenar e regular a implantación territorial de todas as infraestruturas e instalacións necesarias para o aproveitamento da enerxía renovable do vento en Galiza.

Incidencia territorial e zonas de aceleración

“Introducen tal cantidade de excepcións no texto que o propio plan carece de sentido”, afirma Golpe, quen rexeita, por exemplo, que os parques existentes podan ser modificados á marxe do plan sectorial, o mesmo que aqueles proxectos que teñan unha “clara incidencia territorial” pola súa entidade económica e social. “Vaise poder poñer un parque eólico en calquera lugar do País só con que o Consello da Xunta o determine” advirte.

O deputado do BNG refírese tamén ás zonas de aceleración renovable, que poderán ser designadas antes da aprobación do plan sectorial eólico, como outro exemplo de “arbitrariedade”.  “Constitúen a excepción do plan sectorial que máis chama a atención”, apunta referíndose a estes instrumentos para acoutar zonas terrestres homoxéneas nas que non se prevexa que o despregamento da enerxía eólica vaia ter un impacto ambiental significativo.

“Se xa temos instalados máis de 3.700 MW de potencia eólica, se imos declarar proxectos de incidencia territorial, se imos decretar en que zonas se pode instalar sen ter un plan.. De que sirve o plan?”, pregúntase Golpe, concluíndo ironicamente que “é un plan non plan”.