Parlamento Galego

BNG acusa o PP de destinar 22 millóns de euros ao Hospital privado Quirón Salud en lugar de investilos na sanidade pública

Montse Prado
Montse Prado denuncia a “expatriación” que o Executivo de Rueda fai dos recursos públicos galegos actuando de comercial de empresas privadas

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, acusou o PP de destinar máis de 22 millóns de euros a o Hospital privado Quirón Salud  en lugar de investilos en mellorar as infraestruturas, a contratación de persoal ou os dispositivos da sanidade pública para que poida prestar asistencia á área Sanitaria Pontevedra-O Salnés, que atende a máis de 300.000 persoas.

“Non lle chega ao PP con poñerlle a alfombra vermella á sanidade privada que agora fai un contrato ad hoc para que Quirón Salud preste os servizos que lle interesan a este centro”, recriminou, ao tratarse do único hospital privado situado nesa área sanitaria.

“É unha folla de ruta do PP: a expatriación  dos recursos públicos galegos, poñéndoos en mans de empresas que nin sequera son galegas, e actuando de comercial de empresas privadas, contribuíndo así a engordar a súa conta de resultados”, manifestou.

O valor estimado do contrato ascende a un total de 22.336.911,84 euros, tendo en conta o importe dos contratos previstos por unha duración de catro anos (11.118.455,92 €) aos que lle habería que sumar os máis de sete millóns de euros polas prórrogas previstas, e os  case catro millóns derivados das posibles modificacións.

A deputada nacionalista lamentou que a secretaria xeral da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, non contestase na Comision 5º a ningunha das preguntas formuladas polo BNG, como por exemplo, se eses máis de 22 millóns non se poderían destinar a fortalecer o sistema sanitario público, en lugar “de engordar a conta de resultados da privada, neste caso con nomes e apelidos”, exemplificou,  en referencia ao hospital Quirón Salud.

Prado acusou ao PP de  “ter a ousadía de dicir que este contrato mellora a calidade da asistencia sanitaria” cando, recordou, “está máis que demostrado as privatizacións da sanidade diminúen a calidade, levan a un maior gasto ou derivan nuha perda de postos de traballo”, como -apuntou- pasou en Quirón Salud co traslado do Instituto de neurorehabilitación.

Ademais, engadiu,  o Consello de Contas “vén denunciando que non existen informes que xustifiquen que non se pode facer esta prestación na sanidade pública antes de facer estes concertos”. Neste punto preguntoulle á secretaria xeral da Consellería de Sanidade se existe pola súa banda algún informe que xustifique que a sanidade de Pontevedra ou a do Salnés non poden prestar esta asistencia e que hai que derivala á privada. Cuestión á que tampouco respondeu.

“De verdade teñen que vostedes xustificar a súa decisión de privatizar a sanidade pública nas consecuencias da Covid” (tal e como se reflexa no contrato marco)?, preguntou.

A deputada nacionalista advertiu que as derivacións á privada non só lles afecta ás consultas, tamén ás intervencións cirúrxicas, probas diagnósticas, incluso a prevención. Nestes senso propuxo se non sería mellor “optimizar todos os recursos” dos que dispón o Sergas na Área Sanitaria Pontevedra-O Salnés, tendo operativas camas, quirófanos ou probas diagnósticas para non ter que realizar ningunha derivación de doentes á sanidade privada mentres existan recursos dispoñíbeis que se usan nos centros públicos.

Montse  Prado asegurou que o BNG non acepta esta posición do PP e por iso pediu a rectificación do PP” e reclamou que “exerzan de Goberno do País” e se preocupen porque

os galegos e galegas teña unha asistencia sanitaria  de calidade na rede publica”

“Demándolle que destine eses  22 millóns de euros para a sanidade pública da área sanitaria de Pontevedra- O Salnés, que teña operativos todos os recursos da área sanitaria, quirófanos, camas e probas diagnósticas na rede pública para que non sexa necesaria así a derivación de servizos á privada”, concluíu.