Parlamento Galego

BNG acusa o PP de converter a comisión dos ‘chanchullos’ nun “atropelo” á cidadanía galega negándolle coñecer a verdade

Comisión de investigación
As e os deputados nacionalistas constatan no último día de comparecencias o absurdo do plan de traballo do PP, que veta a Feijóo pero obriga a declarar a persoas que nada teñen que ver coas contratacións que se investigan

O BNG constatou no último día da rolda de comparecentes na comisión de investigación sobre os chanchullos do PP o absurdo do plan de traballo imposto polos populares, que vetaron a comparecencia do ex presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo ou dos representantes das empresas que se beneficiaron dos contratos a dedo pero obrigaron a comparecer a persoas que nada teñen que ver co obxecto de estudo no órgano parlamentario.

Unha situación esperpéntica que se volveu dar hoxe coa comparecencia na comisión do ex director xeral de Xuventude entre 2006 e 2009, Rubén Cela, e de Alberto Souto, ex secretario xeral de Medio Rural desde 2005 até o 2009. Ámbolos dous, como outros ex altos cargos desa época que compareceron en días anteriores, puxeron de manifesto a súa sorpresa por ter sido chamados á comisión, máxime cando as áreas que dirixiron non tiñan relación ningunha coa sanidade, na que se centra o groso dos contratos menores que se investigan, nin cos contratos de emerxencia da pandemia nin coa construción, cun sobrecusto de 470 millóns de euros, do novo hospital de Vigo.  

“Por moito que intenten poñer o ventilador non lles vai funcionar”, asegurou na comisión a deputada Montse Prado, que afeou ao PP o seu intento de converter a comisión nun xuízo ás persoas comparecentes. “Lémbrolles aos señores do PP que a súa é a única organización política condenada por colaboración a título lucrativo con organización criminal”, engadiu.

A deputada nacionalista denunciou tamén o intento do PP de deturpar a comisión vetando, ademais comparecencia de Núñez Feijóo, a da súa irmá Micaela, que dirixe en Galiza Eulen; a do seu cuñado, Ignacio Cárdenas, vinculado ao grupo empresarial de Universal Support, que recibiu máis de 10 millóns de euros para un call center durante a pandemia; ou, entre outros, a do compañeiro sentimental de Isabel Díaz Ayuso, que actuou como intermediario para o contrato con Mape Asesores, obtendo por iso beneficios millonarios.

A “mordaza” imposta polo PP á comisión, engadiu Prado, esténdese ao veto da documentación solicitada polo BNG para que os galegos e as galegas coñezan a verdade sobre os chanchullos na contratación da Xunta tanto na etapa de Feijóo como de Rueda. “A pesar de todo o amordazamento que fixeron desta comisión, da falta de documentación, da opacidade, do escurantismo, viuse con claridade cal é o proceder do Partido Popular na Xunta nos últimos 16 anos, cun modus operandi para beneficiar o negocio das súas empresas amigas e con lazos familiares con altos cargos do PP”, dixo.

É por todo iso que o BNG volveu pedir hoxe a modificación do plan de traballo da comisión, tal e como expuxo o deputado Oscar Insúa, que ademais das comparecencias de Feijóo, a súa irmá, o seu cuñado ou a parella de Ayuso considerou “esencial” o paso pola comisión a curmá do agora líder do PP, Eloína Núñez, ex xerente da área sanitaria de Santiago e do Barbanza; ou os propietarios das empresas obxecto da comisión e os xefes de servizo das distintas áreas de intervención.  

“Queda moito por investigar”, asegurou Insua para xustificar o posicionamento en contra do BNG a pechar o plan de traballo da comisión. Neste sentido, volveu reclamar documentación “esencial”, como o proxecto básico inicial do Hospital Álvaro Cunqueiro, os expedientes completos coas empresas concretas que son investigadas ou todos os informes de reparo sobre contratos menores da Xunta e dos centros xestores do ámbito sanitario.

“Por que non queren traer os expedientes dos contratos menores ou dos contratos de emerxencia?”, interrogou aos deputados do PP Óscar Insua, engadindo ás súas preguntas se “foi Feijóo directamente o que dende Madrid ditaminou que nin de broma se ensinase nada”.

O deputado nacionalista reprobou a continuación aos populares que quixesen facer da comisión “un paripé” e sostivo que “calquera xurista con criterio obxectivo, independente e imparcial sabe perfectamente que este é un atropelo total ao núcleo esencial da función representativa dos parlamentarios”.

“Non é un ataque aos deputados do BNG senón á cidadanía que representamos, ao dereito dos cidadáns a que o Goberno sexa controlado e fiscalizado nos asuntos públicos”, salientou, lembrando que o Bloque xa anunciou a presentación dun recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional. “O tempo poñerá a cada quen no seu sitio”, concluíu.