Parlamento Galego

BNG acusa o PP de agrandar a discriminación que sofren os usuarios da AG-55 e da AG-57 tras votar en contra do seu rescate

Luís Bará

Bará reprocha aos deputados populares das áreas da Coruña e Vigo que antepoñan as ordes dos seu partido á defensa do territorio que representan 

O portavoz de Infraestruturas, Luís Bará, defendeu no Parlamento a proposta do BNG para que a Xunta inicie os trámites para o rescate das autovías AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor, rematando así coa discriminación que sofren estas zonas con respecto a outras comarcas do País.

Unha discriminación que, segundo denunciou o deputado nacionalista, se fai agora máis evidente co voto en contra do PP á iniciativa do BNG e despois de que a Xunta anunciase o “rescate das empresas concesionarias” das catro autovías con peaxe na sombra, a do Salnés (AG-41), o Barbanza (AG-11), Santiago-Brión (AG-56) e Celanova (AG-31).

Bará presentou a proposta do BNG como una “oportunidade” para que os deputados populares premesen o botón verde e apoiasen dar prioridade o rescate da AG-55 e da AG-57, votando así a favor da veciñanza e do tecido empresarial da Coruña, Carballo, Arteixo ou A Laracha, no primeiro caso, e de Vigo, Nigrán, Gondomar ou Baiona, no outro. Todos estes concellos que, destacou, pertencen as áreas urbanas máis habitadas de Galiza e as de maior dinamismo económico.

“Miles de persoas están demandando que se acabe con esta inxustificable e incualificable discriminación”, advertiu o deputado do Bloque aludindo as dúas únicas autovías competencia da Xunta nas que os galegos e as galegas teñen que pagar a peaxe dos seus petos, unha “aldraxe” da que responsabilizou directamente ao presidente da Xunta e do PP de Galiza, Alfonso Rueda; e ao presidente do PP da Coruña e conselleiro de Mobilidade, Diego Calvo.

Un voto aquí e outro en Carballo

Máis tamén a responsabilidade desta discriminación é, engadiu, dos deputados e deputadas populares das áreas urbanas da Coruña e Vigo que “en lugar de defender os intereses do seu territorio seguen mansamente as ordes do seu partido e votan en contra da veciñanza e das empresas das comarcas ás que representan dende o seu escano”. Lembrou, neste sentido, que o PP de Carballo si aprobou no concello unha proposta nacionalista na que se pedía o rescate, máis hoxe o seu candidato nas pasadas eleccións, o deputado Rubén Lorenzo, votou en contra.

“Queda claro que a prioridade do PP é rescatar as construtoras que teñen ás concesionarias, que se chaman Copasa, Puentes, Dragados, Extraco. E tamén, por certo, rescatan a Abanca, que é o banco co que vostedes gobernan en coalición na Xunta”, afirmou.

Ademais do rescate das vías de peaxe, a iniciativa do Bloque, que o PP rexeitou, instaba á Xunta a recoñecer as graves consecuencias que tivo para as arcas públicas a utilización do sistema de colaboración público privada na construción das autovías con peaxe na sombra. “Foi un sistema ruinoso que inventou e que patentou en Galiza o señor Núñez Feijóo cando era conselleiro da COTOP e que el mesmo levou ao cumio utilizándoo para adxudicar o contrato do Hospital Álvaro Cunqueiro cun sobrecusto de 470 millóns de euros, tal e como ten certificado o Consello de Contas”, asegurou.

Tal e como se explica na iniciativa que se someteu a votación, os custes das autovías con peaxe na sombra aumentaron despois de que no 2014 a Xunta en mans do PP decidise renegociar tres destas concesións (O Salnés, O Barbanza e Celanova), pasando a pagar ás empresas 205 millóns de euros máis. Unha operación, segundo puxo de manifesto o Consello de Contas, na que a Xunta puido ter aforrado cando menos 44 millóns de euros de terse limitado a pagar as cantidades indispensables para asegurar a viabilidade financeira das concesionarias.

É por iso que o BNG, seguindo as recomendacións do órgano fiscalizador, pedía tamén na súa proposta que “antes de levar a cabo o rescate das concesións das autovías AG-56, AG-41, AG-11 e AG-31, revisar os incrementos de tarifas aprobados nos reequilibrios económicos e reducir dende agora e ata 2032 a súa contía ata a cantidade estritamente indispensable para asegurar a viabilidade financeira dos contratos”. “En todo caso, e como consecuencia da dita revisión, a partir do 2032 debería (a Xunta) deixar completamente sen efecto nas autovías do Salnés e do Barbanza os incrementos da tarifa do 38 % e do 35,5 respectivamente”, engádese na iniciativa.

Rescate na sombra e contas que non cadran

Bará reprochou ao Goberno de Rueda a ocultación de datos sobre a operación que pretende levar a cabo cos cartos dos galegos e das galegas para facerse coa concesión destas autovías. “Máis ben parece que estamos falando dun rescate na sombra”, criticou, denunciando que máis unha vez o BNG tivo que recorrer, sen éxito por agora, ao artigo 9 do regulamento para ter máis información “que a da nota de prensa”.

Advertiu, neste sentido, que os Orzamentos para o 2025 non recollen ningunha partida para este “rescate das construtoras” e subliñou que aínda se descoñecen as cifras reais do custe desta operación. Aínda que a Xunta falou dun aforro de máis de 300 millóns de euros, non tivo en conta canto vai custar a conservación e mantemento destas autovías até o fin das concesións, algunha no 2040, nin aclarou que vai pasar cos seus setenta traballadores, destacou.