BNG acusa o PP de agochar o informe técnico que cifra en 30 M€ o valor da superficie útil do Cunqueiro non construída
Oscar Insua insiste en que a ampliación do perímetro da concesión a servizos dos hospitais Meixoeiro e Nicolás Peña carecía de soporte legal
Iago Tabarés “É palmaria a ilegalidade do procedemento de adxudicación na construción do Álvaro Cunqueiro, que supuxo un sobrecusto de 470M€”
O deputado do BNG Óscar Insua acusou este luns o PP de agochar o informe técnico da Consellería de Sanidade, datado o 20 de maio de 2012, no que se constata a redución da superficie útil do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e cifra o valor dos metros cadrados que se deixaron de construír en 30 millóns que euros, cantidade que a Xunta pagou igualmente.
Insua preguntou por este informe na comisión de investigación creada no Parlamento a iniciativa o BNG para que os galegos e as galegas coñezan a verdade sobre os chanchullos do PP da Xunta, entre eles o sobreprezo de 470 millóns de euros nos que cuantificou o Consello de Contas a diferenza entre o modelo tradicional de obra pública e o escollido para o novo hospital de Vigo polo Goberno de Feijóo, que optou por adxudicar conxuntamente construción e xestión de servizos sanitarios.
O informe ao que se referiu Insua, que compara o proxecto básico e o de execución, foi desvelado polo BNG xa o pasado venres, cando a deputada Monste Prado pediu que se incorporase á documentación da comisión de investigación, sen que até o de agora se fixese oficialmente o rexistro. É por iso que Insua preguntou a Santiago Pérez Pérez, director do proxecto do novo hospital de Vigo, se tiña coñecemento do referido informe, acusando o PP de agochalo porque “dicía que había que reducir en 30 millóns de euros o presuposto de execución material”.
Segundo se apunta nese documento, respecto ao proxecto inicial houbo unha redución de 15.423 metros cadrados na superficie hospitalaria útil e doutros 16.000 na de aparcamento, cifras que coinciden coas que aparecen tamén no informe de fiscalización do Consello de Contas. En total, máis de 21.000 m2 que, tal e como se indica no informe da Consellería, suporían o 15,8 % do orzamento de execución material, en torno a 30 millóns de euros que a Xunta non deixou de pagar.
O deputado do BNG insistiu, por outra banda, na falta de “amparo legal” da ampliación da concesión de servizos non sanitarios aos hospitais Meixoeiro e Nicolas Peña. “Aínda que fixesen pequenas obras noutros hospitais non podían entrar no perímetro concesional”, apuntou. “É como se a vostedes lle encargan facer e explotar unha autovía nova e, de repente, pídenlles que pinten outra autovía xa construída e libre de peaxes e aproveitan para darlle tamén a explotación desta infraestrutura”, exemplificou durante a súa réplica ao comparecente que acudiu á comisión en representación da concesionaria do Álvaro Cunqueiro.
Ilegalidade palmaria na concesión das obras no Álvaro Cunqueiro.
Na comisión de investigación deste luns compareceu tamén o actual xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto, a quen o deputado do BNG Iago Tabarés lle fixo varias preguntas que non respostou, entre elas, a de cal era o obxecto da súa comparecencia na comisión de investigación.
O deputado nacionalista reiterou a “irregularidade palmaria” na concesión das obras do hospital Álvaro Cunqueiro, polo sistema escollido que supuxo un sobrecusto de 470 millóns de euros, e que, tal e como “deixa ben claro” o Consello de Contas, é unha infracción normativa ampliar a concesión a servizos non sanitarios fóra do perímetro concesional. Aos 470 millóns hai que sumarlles os 30 millóns de sobreprezo pola diminución da superficie útil na execución da obra, pero que a Xunta pagou igualmente á concesionaria.
“Resulta curioso que ao PP lle chame a atención que no expediente do Álvaro Cunqueiro, falte documentación e que lla estea a pedir á oposición. Debería pórse colorado porque esa documentación debería estar no expediente. Está claro que esa documentación está desordenada e parece que extraviada”, recriminou..
Tabarés criticou tamén que, tal e como esixe a normativa de contratos vixente tanto hoxe como no momento da concesión das obras do hospital, “non existise un plan de viabilidade, con aspectos técnicos, organizativos e legais” previo á concesión do centro sanitario. Cuestión pola que foi tamén preguntado o xerente da área sanitaria de Vigo e que tampouco respondeu.
Tamén puxo de manifesto que nas previsións para o Chuvi se contemplaban dúas mil camas pero que, tal e como tamén determinou o Consello de contas, “non existiron nunca” e criticou que o PP diga que esta cuestión “non é relevante” ou que se escude para xustificar a ausencia de camas na situación de pandemia.
O deputado nacionalista lamentou a falta de previsión en servizos que se están contratando agora, como é o do a hospitalización de día ou o servizo de rehabilitación cardíaca. “Hai oito anos podíase ter previsto unha hospitalización de días con vistas ao futuro?, podían preverse as instalacións necesarias para prever un servizo de rehabilitación cardíaca que están licitando estes días por 600.000 euros máis?”, preguntou sen obter tampouco resposta.