O BNG acusa de “obcecación” do Goberno galego continuar con políticas educativas “fracasadas”

Cosme Pombo

Tras a comparecencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez para informar das novidades na regulación dos currículos de ESO e Bacharelato en desenvolvemento da LONCE, o deputado do BNG, Cosme Pombo afirmou que a lei responde a ideoloxía do PP, ditada polo Ministro Wert e asumida polo Goberno galego “sen rechistar”. O nacionalista reclamou adiar a LOMCE por “centralista e clasista”.

O deputado lembrou que a maioría da Comunidade educativa galega esixe á consellería “responsabilidade, coherencia e priorizar a calidade do ensino público galego” e para iso, dixo, é preciso “adiar a LOMCE”. A estas alturas e co curso rematado, engadiu, a Comunidade educativa denuncia a falta de información definitiva sobre o novo curso 2015-2016 o que está a provocar grandes problemas nos centros de secundaria.

Cómo se pode permitir, preguntou que no inicio da matricula de secundaria non se coñeza o currículo da etapa, as materias a impartir e a carga horaria das mesmas. Para o deputado, esta situación é un “desatino”, polo que debe ser paralizada.

A submisión do Goberno galego é temeraria para o alumnado e as familias

O deputado demandou do conselleiro de Educación que escoite ao profesorado galego, Ampas, sindicatos do ensino, estudantado galego e a Comunidade educativa de Galiza. Escoite, reiterou o nacionalista, escoite ao Consello escolar que durante a tramitación do currículo de secundaria esixiu a retirada do decreto de currículos da ESO e BAC por “prexudicar gravemente aos centros e alumnado”.

O deputado lembrou que se repite o mesmo desleixo e falta de respecto á Comunidade educativa vivido a comezo do curso que agora rematou e denunciou que non hai información sobre os fondos dos libros, a axuda solidaria, como definir o material escolar da ESO e como elaborar os proxectos lingüísticos dos centros así como realizar as validacións no bacharelato. A consellería mantense “xorda” a todas estas reclamacións, aseverou Cosme Pombo.

O parlamentario do BNG rematou a súa intervención criticando un decreto que despreza Galiza, “desaparece a nosa historia, o Reino Suevo, a Idade Media, o Reino de Galiza, a Revolta Irmandiña”. A emigración e nacionalismo galego non teñen tampouco cabida no currículo. O Goberno galego renuncia a nosa historia, arte, idioma mentres mantén a relixión e retoma as revalidas franquistas.