BNG acusa o Goberno da Xunta e do Estado de abandonar a frota do cerco e artesanal diante da dramática situación que vive
Rosana Pérez denuncia a discriminación á pesca galega cun sistema de cotas perverso e unha nefasta xestión: “Deixen de sacrificar sempre aos mesmos”
A portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez, acusa aos gobernos da Xunta e do Estado de abandonar a frota do cerco e artesanal diante da “dramática situación que vive”, cun numero importante de barcos amarrados a porto a estas alturas do ano como consecuencia das raquíticas cotas en especies como a sardiña, o xurelo ou a xarda.
A deputada do BNG critica a “nefasta xestión” do Ministerio e maila Consellería do Mar, á que acusa de “non mover un dedo” para frear a crise do sector, de non denunciar e non intentar cambiar un sistema de cotas “perverso que o Goberno (do Estado) promove e consinte”. “Deixen de sacrificar sempre aos mesmos”, reclama Rosana Pérez, nun chamamento ás dúas administracións, que levan décadas aplicando políticas que “permiten e promoven a paulatina desaparición da frota galega”.
Tras os brutais recortes do xurelo do Cantábrico e Noroeste (do 95% no 2023) e o descenso nas capturas da xarda, e coa campaña do bocarte xa pechada, a dependencia que a frota galega ten da sardiña é moito maior tanto no caso do cerco como das artes menores. De aí que a deputada nacionalista emprace ao Executivo de Rueda a despregar todas as accións precisas para evitar que continúe o amarre da frota, tendo en conta que a cota da sardiña xa se esgotou en agosto.
A deputada da comarca do Barbanza, que levará este asunto ao Pleno desta semana, subliña o especialmente inxusto que resulta para a pesca do País o reparto da cota desta especie. Este ano, explica, Asturias, Cantabria, Euskadi e Galiza, que suman máis de 200 barcos cerqueiros -150 deles galegos- dispoñían dunha cota de 8.130 toneladas de sardiña, mentres que ao Golfo de Cádiz, con 76 barcos, outorgáronselle 6.340 Tn.
“De querer seguir pescando sardiña, os barcos galegos do cerco teñen, necesariamente, que mercar cota aos armadores do Golfo de Cádiz que, a diferenza de Galiza ou de Euskadi, xestionan de xeito individual e poden transferila -na práctica, vendela- a outras frotas, o que abre a porta á especulación dun ben público por parte de particulares”, asegura a deputada na iniciativa rexistrada no Parlamento.
Estudos para coñecer os stocks reais e pago das axudas
Entre outras medidas, Rosana Pérez reclama tanto á Xunta como ao Goberno do Estado que leven a cabo estudos científicos que determinen a situación real dos stocks de sardiña, xurelo, xarda e bocarte para un establecemento acorde dos TAC en cada caso, permitindo a planificación do sector e a súa viabilidade a longo prazo.
Ademais de exixir o pago inmediato aos afectados das axudas do 2023 polo paro biolóxico do xurelo, outras das cuestións que o BNG reclama ao Ministerio de Pesca é convocar de xeito inmediato a coñecida como “bolsa común da sardiña” xa que, tal e como funciona, este ano poderíase dar o caso de que a chegar outubro non haxa que incorporar. “É dicir, poderían mercar toda a cota sobrante do Golfo de Cádiz antes de ter acceso a ela no reparto gratuíto do MAPA co agravante, ademais, de que quedarían excluídos da bolsa todos aqueles buques máis pequenos que non tiveran posibilidades de compra”, explica Rosana Pérez.
A portavoz de Pesca do Bloque advirte ademais das cotas “discriminatorias” tamén con respecto a Portugal. España ten asignada o 33 % da cota da sardiña, malia que ten 300 cerqueiros, mentres que o país veciño, con 110 barcos censados en 2022, correspóndelle o 67 % restante.
É por iso que o BNG reclama ao Goberno do Estado que intensifique as negociacións con Portugal co obxectivo de conseguir cota mediante intercambios, tal e como viña ocorrendo até o de agora. Ademais, pide negociar tamén un reparto equitativo de cara ao novo acordo bilateral tendo en conta o número de buques e tripulantes, e a revisión da regra de explotación para aumentar as posibilidades de pesca de cara a 2025.
O BNG pide así mesmo á Consellería do Mar que promova un acordo con sector sobre as medidas necesarias para por en valor a calidade dos produtos pesqueiros galegos e permitan aos seus produtores manter uns prezos rendíbeis en orixe.