BNG acusa á Ethel Vázquez de permitir as irregularidades de Monbus
O deputado do BNG, Paulo Ríos acusou á titular de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez de permitir “incumprimentos reiterados de contratos e avalar irregularidades” na adxudicación de contratos para favorecer o monopolio do grupo Monbus.
Na defensa da moción sobre a política do Goberno galego, a respecto do transporte público por estrada, o parlamentario do BNG, Paulo Ríos explicou que este servizo leva anos dando síntomas de mal funcionamento e empeorando a calidade da prestación a usuarios e usuarias ao que sumou as “precarias” condicións laborais dos traballadores e traballadoras e o “paulatino esmorecemento” das pequenas e medianas empresas do transporte de viaxeiros.
O nacionalista subliñou que, “o TSXG impugnou varias licitacións de transporte público” ante indicios razonables de incumprimentos dos pregos e “comportamentos monopolísticos” e de “colusión” por parte da empresa Monbus.
Tras estas resolucións, engadiu, a Xunta de Galiza decidiu persistir no seu proceder irregular e recorrer as resolucións do TSXG, xunto co grupo empresarial, recursos que que onte mesmo foron desestimados.
Dende o BNG, recalcou o nacionalista, levamos anos denunciando a “conivencia e trato de favor da Xunta de Galiza con Monbus”, consentindo incumprimentos na execución dos contratos e nos propios procesos de contratación, tal e como ven de sentenciar o TSXG, reiterou.
A Xunta de Galiza, reiterou Paulo Ríos, “está permitindo que se vulnere o prego reitor das concesións”, no relativo ao número de lotes máximos que poden ser adxudicados a unha mesma licitadora, facendo visíbel o amparo ao comportamento “monopolístico” do mencionado grupo empresarial.
Este modus operandi consiste en camuflar a presenza do grupo empresarial Monbus mediante a creación de UTEs formadas maiormente por diferentes empresas do grupo, que deberan ser consideradas como unha mesma licitadora, coa conseguinte limitación de lote adxudicados en base ao prego reitor, “ condición que non se cumpriu”.
Esta táctica de copaxe do mercado, explicou o deputado do BNG, foi denunciada pola mesa de contratación do Goberno de Aragón por entender que este proceder constituía “unha fraude de lei” ao intentar vulnerar o número máximo de lotes ao que unha mesma licitadora pode acceder.
A conivencia entre PP e o grupo empresarial Monbus xa traspasa as nosas fronteiras e constatamos como este mesmo verán foron paralizadas varias licitacións no servizo de transporte escolar da Generalitat Valenciana, adxudicadas a Monbus, onde se pretende dar o servizo de transporte escolar incluíndo neste servizo até 54 vehículos que xa operan en lotes actualmente activos en Galiza.
A xuízo do deputado, a Xunta debe opoñerse a este proceder porque de non facelo urxentemente “estará utilizando as institucións públicas para beneficiar a unha empresa amiga”, Por outra banda, a Xunta tamén debe explicar “se avala que os mesmos vehículos poidan facer servizos con compatibilidades de horarios atopándose a 700Qm entre os diferentes servizos”, ou sobre o desgaste que estes vehículos sufrirían ao aumentar de xeito notable os seus quilómetros percorridos.
O PP impide que Ethel Vázquez compareza na Cámara galega para dar explicacións
Ante esta situación, dixo Paulo Ríos, o BNG rexistrou unha petición de comparecencia urxente á Conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, que foi vetada polo goberno galego do Partido Popular a finais do último período de sesións.
O parlamentario do BNG rematou a súa intervención acusando á Xunta de Galiza e a Consellería de “trato de favor e conivencia” co grupo empresarial Monbus e cun “desmedido afán” de gobernar para as empresas amigas do PP, a costa dos cartos de todos os galegos e galegas.
Tras a intervención do portavoz popular, José Manuel Balseiro que eludiu responder ás acusacións do deputado do BNG, o nacionalista , lamentou, que unha vez máis, o Partido popular votara en contra de apostar “pola calidade” do transporte público e atendendo ás necesidades de usuarios e usuarias, rematar coas irregularidades nos contratos e poñer freo “ás condutas monopolísticas” que condenan á desaparición ás pequenas e medianas empresas do sector e confiou en que nas vindeiras eleccións, sexa o BNG, “con responsabilidade no goberno na Xunta”, o encargado de resolver unha situación provocada pola política de amiguismo do PP con Monbus e que tanto está a prexudicar ás persoas usuarias do transporte público por estrada.