BNG acusa á dirección da CRTVG de manipular a cobertura informativa da vacinación “irregular” da alcaldesa do PP de Boimorto
A deputada do BNG, María Albert formulou unha pregunta na comisión de control da CRTVG sobre a cobertura informativa relativa á vacinación irregular da alcaldesa do PP de Boimorto, María Jesús Novo.
Para a nacionalista, o tratamento informativo desta noticia exemplifica, unha vez máis, até que punto “a CRTVG vulnera sistematicamente os principios de neutralidade, igualdade e pluralismo político”.
Albert explicou que o xoves 28 de xaneiro de 2021 saltou a todos os medios unha información sobre a vacinación “irregular”, contra a COVID, da alcaldesa de Boimorto, noticia que apareceu reflectida ese mesmo día en medios nacionais e con repercusión en medios estatais nun contexto no que se está a facer un seguimento especial daquelas persoas que acceden de xeito irregular á vacina aproveitando a súa posición política.
TVG informa dos casos de fora de Galiza
A nacionalista recalcou que, a propia Corporación da Radio e Televisión de Galiza viña facendo un seguimento minucioso desas vacinacións irregulares no resto do Estado cun amplo desenvolvemento nos telexornais e cos exemplos de alcaldes do PSOE ou Junst per Cat.
Ademais, a vacinación da alcaldesa de Boimorto, coincidiu coa sesión de control ao goberno na que o presidente da Xunta fixo referencia explicita a que ningún alcalde do PP se vacinara irregularmente de COVID, polo que de entrada, dixo a deputada, “fica clara a relevancia política da cuestión xa que ese corte en concreto si foi emitido pola TVG”.
A pesares do evidente interese informativo do tema, o feito non foi tratado nos Telexornais do día 28 da TVG en ningunha das súas franxas horarias e resultou aínda máis vergoñento que no informativo de mediodía “A Crónica”, da Radio Galega, non dera a información da alcaldesa de Boimorto pero foi mencionada a dimisión da Xerente de Atención Primaria de Cantabria por facilitar a vacina de “xeito irregular” á súa nai.
Albert lembrou que no Telexornal do día 29 foi emitida unha información sobre a apertura de expediente á alcaldesa por parte do Partido Popular sen que se dera cabida aos posicionamentos das demais forzas políticas sobre a cuestión. Iso si, no minuto 52 e despois de tratar cuestións tan importantes para o noso país como as “altas temperaturas en Valencia coas praias ateigadas” ou a continuación dos “tremores en Granada”.
Presentan así vostedes unha información de menos dun minuto que afirma que “o PP ve insuficientes as explicacións e suspende de militancia á alcaldesa de Boimorto” nunha peza descontextualizada e excluíndo as valoracións do resto das forzas políticas que denunciaron durante toda a xornada do 28 o problema, denuncia, que por outra parte non foi recollida na peza informativa.
É dicir, de novo, “a TVG só informa dun problema político que atinxe directamente ao goberno da Xunta cando esta ten preparada a súa ofensiva mediática” e o día 29 a TVG daba conta da baixa de militancia da alcaldesa de Boimorto pero ocultaron que o Partido popular mantíñaa no seu cargo.
Vacinación da conselleira delegada de DomusVI
Por outra parte, o 3 de febreiro a páxina web da CRTVG recollía a vacinación “irregular” da conselleira delegada de DomusVI e o seu irmán pero a noticia non apareceu nos telexornais dese día nen do día seguinte até que o propio Feixóo validou esa vacinación.
Canto máis inciden nesta senda, remarcou a deputada, “máis dilapidan a credibilidade dos medios públicos deste país. Confórmanse vostedes con ser o gabinete de prensa da Xunta de Galiza e do Partido Popular e renuncian a ser un medio de referencia centrado en Galiza”.
A CRTVG é unha corporación que conta con profesionais competentes e con ganas de facer información digna, pero vostedes condicionan ese labor á “xestión servil ao gabinete de prensa de San Caetano”, concluíu.