parlamento galego

BNG acusa a dirección da CRTVG de ‘conchabeo’ con empresas externas para manipular en favor dos intereses do PP

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández critica a substitución da Revista polo Termómetro como último movemento para “baleirar” a televisión pública de produción propia

A deputada do BNG Alexandra Fernández acusou a dirección da CRTVG de “conchabeo con empresas externas para manipular” os seus contidos en función dos intereses do PP “pasando por riba dos traballadores” da propia compañía pública. “Para as empresas externas resérvanse as funcións que permiten dirixir politicamente os contidos”, asegurou.

Nunha pregunta parlamentaria formulada ao presidente da CRTVG, Alexandra Fernández referiuse como último exemplo dese “conchabeo” á decisión de substituír na grella da televisión o programa A Revista, de produción propia, polo Termómetro, de produción fundamentalmente externa. Unha decisión que ten provocado a primeira folga indefinida dos traballadores da compañía de medios públicos e que constitúe, asegurou, un “volta de porca máis” na “estratexia de baleirado da produción propia da CRTVG”.

“Neste momento practicamente todos os programas son elaborados por produtoras privadas, con excepción daqueles espazos informativos que a lexislación protexe e impide externalizar. Xa non era posible adelgazar máis a produción propia”, reprobou.

A deputada nacionalista advertiu ademais que a decisión de substituír A Revista polo Termómetro vai en contra do mandato marco da CRTVG, que fixa como obxectivo chegar ao 50 % de produción propia interna no ámbito da televisión, e vulnera tamén a Lei de Medios, que imposibilita ceder a terceiros a realización e a edición de programas informativos.

Lembrou, neste sentido, que A Revista dependía de informativos cun formato similar ao Termómetro, en cuxa elaboración participa unha filial dunha gran produtora madrileña da que é directora xeral Rosa María Díez Fernández, quen foi asesora de Mariano Rajoy durante  oito anos en tres ministerios. “Están importando a rede empresarial próximo ao PP á CRTVG”, afeou a deputada nacionalista dirixíndose a Sánchez Izquierdo e aludindo tamén ao “seu grupo atrincheirado en San Marcos”.

O Termómetro custa cada día 16.000 euros, malia que emprega medios técnicos e documentais públicos, o que significa que “para que a dirección poida manipular mellor, hai que pagar máis”, criticou na comisión da CRTVG Alexandra Fernández, para quen a decisión de externalizar programas, “uns tras outros” busca “evitar un modelo de medios públicos robusto con traballadores e traballadoras que ofrecesen o seu potencial á corporación, que impoñan criterios xornalísticos e profesionais e valorados e respectados pola sociedade”.

Alexandra Fernández preguntou a Sánchez Izquierdo que ten pensado facer logo de catro xornadas de paros e a folga indefinida “histórica” convocada dende o pasado mércores entre os traballadores, que “están dispostos a asumir os custes dunha folga porque o seu proxecto e unha ameaza á supervivencia e á función pública da CRTVG”.

O enterrador dos medios públicos

“Vostede está facendo méritos para acabar o seu mandato baixo o alcume do enterrador. O enterrador dos medios públicos, o que aniquilou a pluralidade, o que matou a liberdade de expresión dos traballadores segundo sentenzas firmes do TSXG, e o que trata de apagar e manipular a imaxe real do País, sempre ao servizo do PP”, díxolle a deputada do Bloque ao director xeral da CRTVG, a quen acusou de levar a cabo “presións, castigos e represalias” a membros do cadro de persoal dos medios públicos e a quen  lembrou que “vostede non é a CRTVG, que son todos os seus traballadores e traballadoras”.