BNG acusa a CRTVG de potenciar o castelán e discriminar a mulleres profesionais nos espazos de opinión
María Albert reprocha a Sánchez Izquierdo “pasar por riba da calidade dos medios” coa persecución de traballadores e traballadoras
Destaca as reivindicacións do persoal durante “251 Venres negros” e a folga á que seguirán novas mobilizacións para reclamar pluralidade e dignidade laboral nos medios públicos
A deputada do BNG por Ourense e portavoz na comisión de Control da Corporación Radio Televisión de Galiza, María Albert acusou ao director Xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo de potenciar o español e discriminar a mulleres profesionais, de recoñecido prestixio, nos espazos de opinión.
Os espazos de opinión, dixo, serven para construír opinión e non é “inocente” a escolla dos tertulianos que opinan de igual maneira e coa mesma ideoloxía.
Para a deputada, as tertulias da radio e televisión galegas abordan de maneira sistemática a “axenda única de Madrid, o argumentario do Partido popular e a promoción de Rueda e Feijóo” e “non reflicten a pluralidade dun país en evolución”. Non nos referimos só aos comentaristas, dixo Albert, tamén aos opinadores “que crean opinión a través dun discurso único”.
Elección discriminatoria de profesionais nos espazos de opinión
Ante a falta de presenza de mulleres profesionais nos espazos de opinión, a nacionalista reiterou que nos faladoiros é escasa a pesar de que existen “moitas mulleres xornalistas”, de recoñecido prestixio, e cunha grande capacidade para poder emitir as súas análises en galego pero vostedes, recalcou, prefiren ter nas tertulias a “unha persoa de VOX”. Con este proceder “ocultan a realidade do noso país e recórdolle que VOX non ten representación política en Galiza”, remarcou.
Por outra banda, no transcurso da pregunta parlamentaria do BNG, criticou a “falta de calidade na utilización do idioma galego por parte dos tertulianos” e insistiu en que cada vez nótase máis a “grande presenza do castelán” nos opinadores.
Os medios de información, explicou a deputada, non só informan ou entreteñen, tamén transmiten símbolos, representacións, constrúen referentes sociais e contribúen á construción da identidade. É a través deles, boa parte da cidadanía forma opinión sobre os temas de actualidade.
Tras a intervención do titular da CRTVG que xustificou que un comentarista utilice de “maneira deliberada” o castelán nas súas intervencións, a deputada do BNG recriminou a Sánchez Izquierdo a súa prepotencia e falta de pudor para afirmar que o realmente importante deste opinador é o seu prestixio como xornalista e non a lingua que utilice.
Ademais, a parlamentaria recriminou á dirección da CRTVG a ocultación da información parlamentaria nos servizos informativos, tertulias e espazos de opinión.
251 Venres Negros e novas mobilizacións contra a manipulación na CRTVG
Albert explicou que as preguntas parlamentarias do BNG trasladadas a comisión celebrada hoxe no Parlamento galego proceden dunha comisión de 10 días que por unha repentina afonía do director Xeral da CRTVG non se pudo celebrar. Curiosamente, explicou a deputada, había unha convocatoria de unha folga de 24 horas dos traballadores e traballadoras do ente público contra a vulneracións dos seus dereitos laborais, persecución e manipulación informativa, dous días despois da celebración da comisión. “Non queremos pensar mal, pero todo indica que vostede quería enfríar as repercusións do paro convocado polo persoal”.
Por moito que o intente, insistiu a nacionalista “non van a calar as protestas dos traballadores e traballadoras” e tampouco poden ocultar que levan “251 Venres negros” con reivindicacións que o BNG apoia e apoiaremos nas próximas mobilizacións de Defende a galega.
“Non boten máis leña ao lume, non afundan máis ao persoal”, poñan o freo e recapaciten. Hai un mal estar social da deriva na que vostedes meteron aos medios públicos e resulta “unha falta de respecto” aos traballadores e traballadoras que sigan negando a realidade e a existencia dun conflito. Vostedes, con tal de “manter o control pasan por riba da calidade dos medios” e mentres tanto, o persoal vive unha situación límite na Radio e Televisión galegas.
Até o Colexio de Xornalistas, engadiu a deputada do BNG, emitiu un comunicado denunciando a manipulación informativa e persecución de profesionais nos medios públicos. Están represaliando a traballadores movéndoos de programas e espazos informativos, unha medida que empeora a calidade das informacións e do propio medio co fin de “castigar a un ou unha traballadora”.
“Non sigan falseando a realidade”, e rectifiquen, sentenciou.
A deputada concluíu a súa intervención anunciando que o BNG seguirá apoiando todas as reivindicacións dos traballadores e traballadoras e denunciará no Parlamento galego todos os casos de persecución e vulneración dos seus dereitos.