parlamento galego

BNG acusa ao PP de practicar o “negacionismo medioambiental” para favorecer ás grandes corporacións

Xosé Luís Rivas Mini

O deputado do BNG Xosé Luís Rivas acusou ao conselleiro de Medio Rural, Xosé González Vázquez, de practicar o “negacionismo” da realidade medioambiental para facilitar “os negocios das grandes corporacións”, dos “cobizosos insensatos que rin dos avisos científicos, que negan a emerxencia climática e a suicida perda da biodiversidade”. “E o grave é que xogan co noso futuro, o dos nosos netos e netas, o futuro dun país enteiro”, advertiu o deputado nacionalista.

Rivas fixo estas declaracións durante a defensa da moción debatida no Pleno do Parlamento sobre a política do Goberno galego en materia de prevención de incendios e tras unhas polémicas declaracións do conselleiro nas que este cuestionaba, por excesivas, as esixencias medioambientais establecidas para os espazos naturais protexidos. “Son o sustento dunha acción de goberno continuada na barbarie e no negacionismo da realidade”, reiterou o parlamentario do BNG, que ademais advertiu de que as palabras do responsable de Medio Rural na Xunta, coñecidas xa como “declaracións de Sandiás”,  “poden ser unha xustificación aos que de delitivamente plantan lume”.

“Que persegue o PP con estes posicionamentos reiterados e declaracións negacionistas?”, preguntou Xosé Luís Rivas durante o debate parlamentario. Na súa opinión, a resposta é clara: camuflar o “pouco interese” que lles merecen aos populares a biodiversidade e a conservación dos “mínimos necesarios para a supervivencia da especie” e cargar nos demais as culpas do abandono da superficie agraria útil, do despoboamento e da desertificación do rural, así como as culpas dos danos da fauna salvaxe.

O deputado do BNG sostivo tamén que o PP pretende co seu negacionismo eludir as responsabilidades dos incendios, “en especial nos de hai un ano, nos que non houbo máis pirómanos que meteoroloxía e si caos na xestión e ordenación dos espazos protexidos”, dixo. Os populares buscan asemade “culpabilizar a todas esas asociacións, plataformas e movementos veciñais que se opoñen de maneira frontal  a esta insensata e delitiva colonización eólica”, sentenciou.

Na súa intervención, o parlamentario advertiu contra os efectos que a postura do PP ten no “abandono imparable” do rural, e lembrou que arredor de 400 explotacións lácteas rendibles pechan cada ano en Galicia.    

Na súa moción, rexeitada polo PPdeG, o BNG pediu “clarificar e definir en detalle” a posición do Goberno da Xunta en relación coa incidencia que a Unión Europea e as súas ferramentas de protección medioambiental, como a Directiva Hábitat e a Rede Natura 2000, tiveron cos incendios acontecidos no 2022.

 

Na mesma iniciativa reclamábase a ampliación inmediata da superficie acollida dentro da Rede Natura 2000 no noso país para axustala aos estándares europeos e protexer os espazos medioambientalmente sensíbeis que hoxe non contan con protección por parte do Goberno galego. Rivas Cruz (Mini) lembrou, neste sentido, que só o 12 % do territorio galego é Rede Natura, unha cifra catro veces inferior á que ten Madrid (40%).  E apuntou tamén que no verán do ano pasado, o 70 % das máis de 50.000 hectáreas que arderon en Galicia estaban en Rede Natura. “Están realmente protexidos os espazos protexidos?”, cuestionou o nacionalista.   

 

Finalmente, o Bloque propuxo poñer en marcha de xeito inmediato plans especiais de protección contra os incendios forestais nas zonas recollidas dentro da Rede Natura de xeito coordinado entre os departamentos de Medio Rural e Medio Ambiente para garantir a mellor protección posíbel de todos estes territorios.